O BNG agradece o apoio de máis de 3.400 veciños e veciñas aos seus anos de goberno

cristina en verde
Situouse como segunda forza política, a 300 votos da candidatura gañadora, pero recoñece que os resultados “non alcanzaron as expectativas desexadas”.
O BNG agradece o apoio de máis de 3.400 veciños e veciñas aos seus anos de goberno

O BNG de Ponteareas amosa o seu máis sincero agradecemento ás máis de 3.400 persoas que nas recentes eleccións municipais do 28M depositaron a súa confianza no proxecto nacionalista. A candidata e alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, valora de forma positiva o amplo apoio recibido da cidadanía o pasado domingo, “persoas que creron na nosa visión e propostas para o desenvolvemento futuro da nosa vila”.

A campaña permitiu ao BNG de Ponteareas demostrar o seu compromiso co benestar e o progreso de toda a veciñanza da vila, destacando a importancia todo o acadado nos últimos 8 anos grazas “a un goberno que pensou e traballou en beneficio de todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás”. 

O BNG situouse como segunda forza política, a pouco máis de 300 votos da candidatura gañadora. Mesmo así, o Bloque recoñece que os resultados “non alcanzaron as expectativas desexadas” e pide desculpas á veciñanza polos erros cometidos “ou polas necesidades que non puidemos chegar a atender e solucionar por diferentes cuestións”. Por este motivo, o grupo nacionalista realizará unha avaliación exhaustiva e analizará os resultados obtidos “para aprender dos erros e iniciar unha nova etapa coa mellor disposición para seguir traballando por unha Ponteareas da que nos sintamos orgullosas e orgullosos”.

O BNG reafirma o seu compromiso de continuar loitando por unha xestión municipal responsábel e participativa e “traballaremos incansabelmente para que Ponteareas non retroceda, asegurando que as necesidades de todos os veciños e veciñas sexan escoitadas e atendidas e que se desenvolvan os proxectos xa elaborados que melloran a vida das veciñas e veciños”.
 

O BNG agradece o apoio de máis de 3.400 veciños e veciñas aos seus anos de goberno