O BNG denuncia o estado de abandono dos parques infantís municipais en Ponteareas

Abandono parques Ponteareas

O Bloque alerta do perigo que supoñen e esixe a súa reparación inmediata

O BNG denuncia o estado de abandono dos parques infantís municipais en Ponteareas

O BNG vén de facer pública a súa profunda preocupación polo lamentable estado de abandono que presentan numerosos parques infantís municipais de Ponteareas, especialmente os situados en zonas rurais.

“Veciños e veciñas levan tempo alertando sobre a falta de mantemento destes espazos, que presentan elementos deteriorados e ocultos pola maleza, xogos rotos, estruturas perigosas e nula limpeza. Son espazos que deberían ser seguros e están converténdose nun perigo para os nenos e nenas que os frecuentan diariamente”, denunciou a concelleira do BNG Cristina Fernández.

"É inadmisible que as nenas e nenos de Ponteareas teñan que xogar en instalacións perigosas, entre a maleza, con elementos oxidados, rotos ou cheos de lixo. Ademais do espazo de lecer que representan, os parques infantís son fundamentais para o desenvolvemento físico, social e emocional da infancia, e é obriga do concello mantelos en condicións dignas", engadiu.

A líder do BNG ponteareán considera este abandono “unha nova mostra da desidia do tripartito de Nava Castro e a dereita coa calidade de vida das familias e coa xestión dos espazos públicos”. Por iso, Cristina Fernández esixe ao goberno local a reparación urxente dos parques infantís, co obxectivo de garantir que sexan espazos seguros, accesibles e dignos para todas as nenas e nenos. Ademais, comprométese coas familias a levar esta reclamación ao próximo pleno municipal se o goberno non actúa de inmediato.

O BNG denuncia o estado de abandono dos parques infantís municipais en Ponteareas