O BNG urxe persoal para atender o alumnado con necesidades específicas de Ponteareas

Cristina Fernández anuncia iniciativas no Concello e Parlamento para garantir unha atención adecuada para a inclusión do alumnado

O BNG urxe persoal para atender o alumnado con necesidades específicas de Ponteareas

O BNG, a través da súa deputada e concelleira en Ponteareas Cristina Fernández Davila, anunciou a presentación de iniciativas no Concello e no Parlamento Galego urxindo á Xunta o reforzo do persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros escolares de Ponteareas, nomeadamente do CEIP As Veigas e do CEIP Ramiro Sabell.

Tras manter encontros e conversas con familias afectadas, Fernández Davila sinalou a necesidade urxente de “incorporar profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) para garantir o dereito a unha educación de calidade para as nenas e nenos matriculados na vila e que precisan apoio.”

“A diversidade é unha realidade social e a propia lexislación deixa claro que a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse na oferta de recursos e medidas educativas que contribúan ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar, de xeito autónomo, nunha sociedade democrática” lembrou Cristina Fernández. A líder do BNG ponteareán indicou que “estas nenas e nenos precisan profesorado de apoio para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe adecuados ao seu desenvolvemento, pero o goberno do PP na Xunta opta pola súa discriminación en vez de dotalos dos recursos precisos”.

Cristina Fernández afirmou que “cada vez contamos con máis alumnado con necesidades de apoio educativo, pero os recursos da Xunta para facer fronte a esta nova realidade non medran ao mesmo ritmo”. De feito, a concelleira e deputada do Bloque sinalou que “no caso do CEIP As Veigas, cunha porcentaxe maior de alumnado con necesidades, conta con menos docentes especialistas que o pasado curso”.

“Hai alumnado que por si mesmo non é quen de comunicarse e precisa axuda a través de dispositivos electrónicos comunicadores. As direccións dos centros están a solicitar un especialista PT preferente para cada un ou cada unha delas, pero estes recursos imprescindibles para o alumnado son denegados reiteradamente pola administración”, lamentou Fernández.

As familias padecen a frustración das súas crianzas con necesidades específicas por non contar con profesorado de apoio

“As familias padecen cada día a frustración das súas crianzas por non contar co apoio que precisan e están desesperadas nunha reivindicación que a Xunta coñece pero desoe. Non podemos permitir que o Partido Popular continúe esta discriminación, polo que dende o BNG continuaremos traballando dende o diálogo coa comunidade educativa até acadar que a inclusión sexa unha prioridade que garanta unha atención axeitada ao alumnado que o precisa”, concluíu Cristina Fernández.

O BNG urxe persoal para atender o alumnado con necesidades específicas de Ponteareas