O BNG solicita a mellora do torreiro de Guláns que estaba proxectada
O proxecto conta co respaldo veciñal e os colectivos considérano urxente
O BNG presentou unha iniciativa no concello de Ponteareas para que o goberno local execute o proxecto de mellora do torreiro da parroquia de Guláns.
Tras un encontro de membros do Bloque con representantes dos colectivos sociais da parroquia, a concelleira Verónica Bargiela sinalou que “no pasado mandato, o goberno liderado polo BNG encargou un proxecto para a recuperación do torreiro, eliminando o tráfico de vehículos da praza e recuperando a totalidade do espazo para o uso das persoas, dando continuidade así á actuación xa realizada para a humanización da zona e a creación dunha senda peonil”.
O obxectivo do proxecto é o de converter o torreiro nun espazo de estancia e encontro social, mellorando a calidade ambiental coa incorporación de arborado e fomentando os hábitos saudábeis entre a veciñanza.
“A execución deste proxecto suporía unha nova vida a unha zona que actualmente está deteriorada, cun chan en estado deficiente e cunhas bancadas carentes de uso”, indicou Verónica Bargiela. Así mesmo, implicaría prolongar a pista de acceso ao torreiro até a entrada do aparcadoiro para dotar de maior seguridade a zona e dotar a estancia dunha maior amplitude para a celebración das festas patronais. “En definitiva, trátase dunha proposta que mellora a calidade de vida da veciñanza da parroquia de Guláns”, sinalou a concelleira gulansesa do BNG.
Bargiela lembra que “a proposta obtivo un amplo respaldo no proceso participativo que desenvolveu o anterior goberno para presentala aos colectivos veciñais da parroquia e á comunidade educativa do CEIP Feliciano Barrera. Froito deste proceso, xurdiu tamén a proposta de incluír nesta acción unha obra para a remodelación do oco existente baixo o torreiro, para así poder dispoñer neste espazo dunha sala de reunións, un almacén e un aseo”.
“No Pleno preguntarémoslle ao goberno se teñen pensado executar o proxecto de recuperación do torreiro de Guláns, que foi consensuado polo anterior goberno cos colectivos veciñais, e, de ser o caso, cando teñen previsto facelo”, indicou Verónica Bargiela. A concelleira afirmou que, ademais da proposta presentada polo BNG, “o conxunto destas actuacións veñen de ser solicitadas ao Concello de Ponteareas por parte dos colectivos veciñais, por consideralas necesidades urxentes da parroquia para executar no vindeiro ano 2025, polo que é preciso que o goberno local destine os recursos necesarios para facelas realidade”, concluíu.