DUCIAS DE PERSOAS QUEDAN “TIRADAS” PORQUE OS AUTOBUSES VAN CHEOS

O BNG solicita reforzar o transporte público tras a falta de autobuses no inicio de curso

undefined
O BNG solicita reforzar o transporte público tras a falta de autobuses no inicio de curso

O inicio de curso escolar provocou un ano máis a saturación do transporte público que conecta Ponteareas con Vigo. Ante esta situación, o BNG presentou unha iniciativa que se debaterá no Pleno do vindeiro martes para urxir a solicitude de reforzo do transporte público en Ponteareas, “para dar resposta a todas as usuarias e usuarios que precisan o seu uso para desprazarse ao seu lugar de traballo, ensino, ou centros sanitarios na cidade de Vigo”.

“Veciñas e veciños que agardan nas paradas da N-120 o autobús procedente da Estación de Ponteareas quedan tiradas vendo pasar o autobús cheo de persoas sen poder subirse a el. Deste xeito, non poden chegar ao seu destino para desenvolver con normalidade a súa xornada laboral, educativa ou de servizos”, denuncia o Bloque.

A formación nacionalista destacou que “as persoas do rural que queren chegar a Vigo en transporte público xa atravesan unha odisea por culpa da falta de planificación en materia de transporte por parte da Xunta do PP, que dificulta as conexións e dilata duración dos traxectos. Agora, esta saturación provoca que ademais chegar á parada a tempo non lles garanta poder chegar a tempo ao destino”.

“A situación repítese con frecuencia ao regreso a Ponteareas”, sinala o BNG, afirmando que “as persoas usuarias teñen que agardar, en ocasións durante horas, até que pase un autobús que non estea completo”, lamentan.

O BNG informa que xa trasladou esta problemática ao goberno local nos pasados días, coa intención de que traballen na procura dunha solución inmediata, mesmo antes do debate da iniciativa no Pleno.

 

O BNG solicita reforzar o transporte público tras a falta de autobuses no inicio de curso