O BNG tacha o goberno de Castro de incendiario e provocador contra as traballadoras do SAF

O Bloque critica que o goberno opte polas sancións ás traballadoras en folga e advirte de posibles irregularidades polo seu “compadreo” coa empresa
O BNG tacha o goberno de Castro de incendiario e provocador contra as traballadoras do SAF

O BNG acusa ao goberno de Nava Castro de actuar de forma “incendiaria e provocadora” coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, que levan xa 14 días de folga indefinida en defensa das súas condicións laborais e da calidade do servizo.

O Bloque denuncia que, lonxe de apostar polo diálogo para acadar unha solución, o goberno da dereita decidiu promover un expediente sancionador contra as traballadoras por un suposto incumprimento dos servizos mínimos durante a folga, ao tempo que colabora coa empresa concesionaria facilitándolle material que é da súa responsabilidade, como luvas, material hixiénico ou de oficina.

“É escandaloso. Mentres castigan ás traballadoras, o goberno do PP e a dereita compadrea coa empresa e axúdaa a incumprir o contrato. Iso é poñerse abertamente do lado da empresa fronte ás traballadoras”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó.

O Bloque considera que esta actuación “desacredita por completo” o papel do Concello como administración que debe garantir os dereitos laborais e o cumprimento das obrigas da concesionaria. “Nava Castro debería estar esixindo á empresa que cumpra coas súas obrigas, non tapando as súas carencias con recursos públicos nin perseguindo e ameazando a quen loita polos seus dereitos”, engaden.

Ademais, a formación nacionalista considera “vergoñento” que a dereita responda con castigos e represión en lugar de responsabilidade e empatía. “O goberno de Castro está a usar a provocación como estratexia política, alimentando o conflito en vez de resolvelo. Están a incendiar unha situación que xa é extremadamente delicada para moitas familias e persoas dependentes”, engaden.

O BNG lembra que as traballadoras do SAF levan meses advertindo da precariedade laboral que sofren, así como da falta de diálogo coa empresa concesionaria e co propio Concello. “A súa loita é xusta, e o que necesitan é apoio e negociación, non expedientes disciplinarios nin sancións”, subliñan.

A formación nacionalista reclama que o goberno da dereita retire de inmediato as sancións, deixe de actuar como cómplice da concesionaria e se poña do lado das traballadoras. “O comportamento do goberno de Nava Castro é inaceptábel e perigoso. Alimenta o conflito e pon en risco un servizo esencial. O BNG estará sempre do lado das traballadoras, defendendo os servizos públicos e a dignidade laboral fronte a soberbia e a provocación da dereita”, conclúen.

O BNG tacha o goberno de Castro de incendiario e provocador contra as traballadoras do SAF