O BNG censura a chulería e a provocación de Nava Castro coas traballadoras da axuda no fogar

O Bloque lamenta que o goberno da dereita suspendera o pleno e fuxira para non escoitar ás traballadoras do SAF

O BNG censura a chulería e a provocación de Nava Castro coas traballadoras da axuda no fogar

O BNG censura a actitude de “chulería, desprezo e provocación” de Nava Castro e do seu goberno da dereita en Ponteareas, que decidiron suspender o Pleno municipal deste martes e abandonar o salón de sesións para non escoitar as demandas das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A única excepción foi o concelleiro Manuel Gregores, que permaneceu no salón.

A través do seu portavoz municipal, Miguel Bouzó, o BNG denuncia que a alcaldesa eludiu o debate democrático e impediu que se tratase a problemática do SAF como prioridade, tal e como reclamaran as forzas da oposición. Para o Bloque, esta decisión demostra que “a unica prioridade da alcaldesa é a propaganda, e supón unha mostra máis da prepotencia e da falta de respecto de Nava Castro cara as traballadoras e cara a propia corporación municipal”, sinalou Bouzó.

“A fuxida de Nava Castro é unha mostra de covardía política. En lugar de dar a cara e escoitar ás traballadoras, decidiu agocharse e silenciar o debate”, sinalan desde o Bloque. Ademais, o BNG advirte que “por moitas cortinas de fume que pretenda despregar o PP con bulos e manipulacións, non van conseguir desviar a atención das reclamacións das traballadoras do SAF ante a situación dramática que están padecendo”.

O BNG lembra que as traballadoras do SAF levan tempo reivindicando melloras nas súas condicións laborais e no propio servizo, fundamental para as persoas dependentes no municipio. “O goberno da dereita, ademais de darlles as costas, pretende calar as súas voces, suspendendo un Pleno no que tiñan dereito a ser escoitadas”, engaden.

A formación nacionalista anuncia que seguirá apoiando as reivindicacións das traballadoras e que volverá levar o asunto ao debate plenario, malia a “estratexia de fuxida” do executivo local.

“A soberbia de Nava Castro só evidencia a súa incapacidade para gobernar e a súa falta de sensibilidade social. O BNG estará sempre ao lado das traballadoras e da veciñanza que defende uns servizos públicos de calidade”, conclúen.
O BNG censura a chulería e a provocación de Nava Castro coas traballadoras da axuda no fogar