O BNG defende no Pleno a loita das traballadoras do SAF e denuncia a propaganda e a falta de sensibilidade do goberno de Nava Castro

O Bloque racha coa propaganda de Castro e pon en valor as traballadoras
O BNG defende no Pleno a loita das traballadoras do SAF e denuncia a propaganda e a falta de sensibilidade do goberno de Nava Castro

O BNG manifestou no pleno de Ponteareas o seu firme apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan 19 días en folga indefinida, reivindicando condicións laborais dignas e o cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria.

O portavoz municipal do Bloque, Miguel Bouzó, cualificou as traballadoras do SAF como “un auténtico orgullo para o BNG, para Ponteareas e para o conxunto da clase traballadora”, subliñando a súa “forza, dignidade e compromiso social” nun momento no que afrontan un conflito “inxusto”, agravado pola actitude do goberno local.

“Sabemos que non é doado continuar en folga tras 19 días, e menos cando o goberno municipal, lonxe de buscar solucións, se dedica a compadrear coa empresa que incumpre o contrato, a desacreditar ás traballadoras e a responder con mentiras e manipulación”, denunciou Bouzó durante a súa intervención no pleno.

A formación nacionalista criticou duramente a campaña “propagandística” do goberno de Nava Castro, a quen acusa de “priorizar a propaganda fronte ás necesidades reais das traballadoras”. Durante a súa intervención, Miguel Bouzó rachou unha imaxe da rolda de prensa municipal, que cualificou como “a foto da vergoña, da mentira e da manipulación”, en alusión ao uso político do conflito por parte do executivo local.

Racha propaganda pleno SAF

Ademais, o BNG acusou ao tripartito encabezado polo PP de despregar “cortinas de fume” para desviar a atención das denuncias de irregularidades nas contratacións, atrasos nos pagos, falta de cotización e carencias de material básico no servizo.

“O goberno debería velar polo cumprimento do contrato, non axudar á empresa a incumprilo”, apuntou o Bouzó, que tamén cualificou de “indecente e provocadora” a actitude da alcaldesa nas súas interaccións coas traballadoras en folga.  Así, o BNG denunciou a tentativa do goberno local de “caciquear” e individualizar os casos dalgunhas traballadoras, solicitando nóminas e datos individualizados “co único obxectivo de debilitar a forza colectiva do SAF”.

“O Servizo de Axuda no Fogar é unión, e esa unión é o que lle dá forza á loita destas mulleres. Fronte á soberbia e a prepotencia, o BNG estará sempre do lado das traballadoras, defendendo un servizo público esencial e uns coidados dignos para as persoas dependentes”, sinalaron desde o grupo municipal.

O Bloque rematou a súa intervención reafirmando o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e coa mellora dos servizos públicos. “A dignidade das traballadoras é maior que calquera propaganda. A súa loita é xusta, necesaria e poderosa, e o BNG estará sempre ao seu lado”, concluíu Bouzó.

O BNG defende no Pleno a loita das traballadoras do SAF e denuncia a propaganda e a falta de sensibilidade do goberno de Nava Castro