O BNG conmemora o día da arbore cunha xornada para unha “Ponteareas verde e sustentábel”

undefined
Será este sábado pola tarde nos montes de Xinzo e conmemorará tamén o Día da Poesía coa participación de autoras locais
O BNG conmemora o día da arbore cunha xornada para unha “Ponteareas verde e sustentábel”

Baixo o título “Ponteareas verde e sustentábel”, o BNG celebrará este sábado 22 de marzo unha xornada de conmemoración do Día da Árbore. A actividade desenvolverase dende as 17:00 horas na parroquia de Xinzo, cun roteiro con saída dende o barrio do Confurco.

Tras o roteiro, de dificultade baixa, no que se percorrerá o barrio deshabitado da Hermida, realizarase unha unha plantación de carballos no monte de Seixo e Forna, e o BNG presentará propostas políticas en materia de sustentabilidade ambiental. “Debemos afrontar a emerxencia ambiental e climática con solucións e propostas concretas que fagan de Ponteareas un concello verde e sustentábel que contribúa a protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático”, sinalan.

Ademais, dado que coincide no calendario co Día da Árbore, o BNG conmemorará o Día da Poesía, cunha lectura de poemas na que tamén participarán autores e autoras locais, co obxectivo de potenciar “a inmensa creatividade cultural ponteareá”.

O Bloque agradece as facilidades prestadas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo para desenvolver as actividades, e anima á veciñanza a participar nunha xornada na natureza que rematará cuns petiscos e convivencia entre as persoas participantes.

Xornada BNG Ponteareas verde e sustentábel
Xornada BNG Ponteareas verde e sustentábel
O BNG conmemora o día da arbore cunha xornada para unha “Ponteareas verde e sustentábel”