NAVA CASTRO VIUSE OBRIGADA A RETIRAR A SÚA PROPOSTA DE ADICACIÓNS ANTE O APOIO DO RESTO DOS GRUPOS Á PROPOSTA DO BNG DE NEGOCIALOS POR CONSENSO
O BNG, satisfeito porque o Pleno lembrou ao PP que carece de maioría absoluta e debe negociar
O BNG amosou a súa satisfacción diante do desenvolvemento do Pleno deste martes en Ponteareas, no que o Partido Popular viu rexeitadas todas as súas propostas. “O pleno mandou unha mensaxe moi clara ao PP e Nava Castro: o seu goberno carece de maioría, non pode impoñer as súas pretensións e debe negociar co resto dos grupos”.
Neste sentido, o BNG salienta que a alcaldesa deu marcha atrás na súa proposta de adicacións e salarios ao comprobar que a maioría do pleno apoiaba a postura do BNG para negociar e acordar por consenso os medios humanos e as remuneracións do Concello, nun pacto que sexa estábel para o futuro, goberne quen goberne. A alcaldesa Nava Castro retirou a súa proposta da orde do día e viuse obrigada a aceptar negociar con todos os grupos esta cuestión.
O BNG adianta que “como principal grupo da oposición con seis concelleiros e concelleiras, e dende a nosa experiencia de goberno de oito anos, a nosa oposición será responsábel e rigorosa, construtiva e especialmente dirixida a garantir que todos os proxectos que tiñamos en marcha se executen para seguir transformando Ponteareas”. A formación nacionalista engadiu que “somos oposición, mais con vocación de goberno e o noso obxectivo é recuperar a confianza da maioría social en 2027 para que Ponteareas continue avanzando como o fixo dende 2015”.