POR PRIMEIRA VEZ TRAS OITO ANOS, O GOBERNO NON SE IMPLICOU COA CONMEMORACIÓN DUNHA DATA NA QUE É NECESARIO EXPRESAR O COMPROMISO DAS INSTITUCIÓNS
O BNG preguntará ao PP no Pleno os motivos do “retroceso” no Día do Orgullo en Ponteareas
O BNG formulará no vindeiro Pleno ordinario de Ponteareas unha batería de preguntas arredor do que consideran “falta de implicación” do goberno local coa conmemoración do Día do Orgullo.
A formación nacionalista lamenta que, por primeira vez tras oito anos, “a bandeira LGBT non luciu no Concello de Ponteareas nun día simbólico, no que é necesario expresar o compromiso das institucións públicas con conquistas e avances da nosa sociedade. O goberno do PP tampouco realizou ningún acto conmemorativo, nin elaborou ningún manifesto para a súa lectura, como se viña realizando nos últimos anos. Trátase dun xesto que deixa ás claras o retroceso no que queren sumir á nosa vila”, sinala o BNG.
O Bloque afirma que “fronte a esa Ponteareas en branco e negro á que quere volver o PP, no BNG témolo claro: apostamos por unha Ponteareas en cor, orgullosa e diversa, onde se respecte o dereito das persoas a amar en liberdade.” Así, como principal grupo da oposición, o BNG sinalou que traballará para que Ponteareas “avance cara a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación.”