O BLOQUE PIDE RESPONSABILIDADE E ADVIRTE QUE A DEMAGOXIA NESTA MATERIA DESPRESTIXIA A POLÍTICA E FAI DANO Á DEMOCRACIA

O BNG defende un pacto entre os grupos políticos para determinar os medios humanos e salarios da Corporación

eva pleno
A concelleira Eva Gil durante a súa intervención no pleno.
 
O BNG defende un pacto entre os grupos políticos para determinar os medios humanos e salarios da Corporación

O BNG, a través da súa concelleira en Ponteareas Eva Gil, defendeu no pleno de hoxe un pacto entre os grupos políticos para determinar, co consenso máis amplo posíbel, os medios humanos e os salarios que deben percibir os cargos do goberno e da oposición para exercer as súas funcións.

Para a formación nacionalista, nun sistema democrático é esencial que os cargos públicos dispoñan dos medios necesarios para servir á sociedade e dun salario acorde coa adicación e responsabilidade asumida. Por iso, segundo Eva Gil, “facer política demagóxica coas remuneracións dos cargos públicos é unha irresponsabilidade que mina os alicerces dunha democracia e alimenta a antipolítica”.

A concelleira do Bloque lembrou que “nos últimos catro anos o PP opúxose aos salarios do goberno do BNG-PSOE e realizou campañas de desprestixio contra os seus membros, que percibían soldos que oscilaban simplemente entre os 1.170 euros e os 1.620 euros netos ao mes, en 14 pagas”. Ademais, Eva Gil lembrou que o BNG propuxo no anterior mandato a todos os grupos políticos pactar os salarios para este novo mandato, “pero o PP preferiu continuar coa súa campaña contra o goberno”.

O BNG explica que están dispostos a pactar cos demais grupos os salarios “para que queden establecidos para sempre e fóra do debate político. Non entraremos en guerras demagóxicas de cifras como fixo o PP. Propoñemos que se constitúa unha comisión de traballo na que se pacten co maior consenso posíbel os medios humanos e remuneracións cos que debe contar o goberno municipal de Ponteareas e a oposición, con independencia da súa cor política”. Gil considera necesario que as remuneracións aseguren o poder adquisitivo anterior dun cargo público para que calquera persoa poda adicarse ao servizo público sen renuncias persoais e económicas. “Se os salarios son baixos as persoas con alta cualificación e preparación dificilmente se poden adicar a tempo completo á política”, sinalou.

A proposta presentada polo Partido Popular ao Pleno supuña salarios moi superiores aos percibidos no mandato anterior. O BNG votou en contra, non por consideralos elevados, senón “porque non aceptamos que sexan diferentes segundo goberne o BNG ou o PP. É inadmisíbel que o PP pretenda ter agora o que lle negou ao BNG para o mesmo traballo” aclarou Eva Gil quen lembrou como “nos últimos catro anos o PP considerou os salarios abusivos. “Polo tanto, mentres non se pacten por consenso outros novos e definitivos, só apoiaremos as remuneracións que defendía o PP no anterior mandato, que eran as de 2015” concluíu a concelleira do BNG.

Os nacionalistas piden ao PP que rectifique publicamente a súa postura dos últimos anos e pida desculpas aos cargos públicos que foron desprestixiados polos salarios que percibían.
 

O BNG defende un pacto entre os grupos políticos para determinar os medios humanos e salarios da Corporación