O BNG propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos para unha Ponteareas igualitaria

Cristina Fernández chama a apostar por medidas concretas fronte ás declaracións de intencións para acadar unha Ponteareas con igualdade
O BNG propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos para unha Ponteareas igualitaria

Ás portas da conmemoración do 8 de marzo, o BNG propón en Ponteareas a creación dunha Valedoría de Igualdade e pide que o Concello de Ponteareas reforce o avance na axenda feminista.

A líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández, sinala que é necesario impulsar avances concretos para que os dereitos lexislados sexan dereitos reais, polo que defenderá unha moción no Pleno municipal deste martes co obxectivo de reclamar que a Xunta poña en marcha unha Valedoría de Igualdade. “Trátase dun órgano similar a outras valedorías, como a da cidadanía, pero que vele especificamente polo cumprimento dos dereitos das mulleres diante de discriminacións no sector privado”, explicou Fernández.

“Precisamos avances dende o local para acadar unha Ponteareas e unha Galiza nos máis altos estándares de promoción da igualdade e de loita contra a discriminación por razón de xénero, para acadar unha sociedade máis feminista”, valorou a concelleira do Bloque.

Nesta liña, a iniciativa presentada polo BNG propón que a Corporación reafirme o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego de base. En concreto, chama ao goberno local, a que través da súa acción política se comprometa a “integrar a perspectiva de xénero nas políticas municipais e a romper co ritualismo das campañas conmemorativas de datas que lembran a loita das mulleres para ir de verdade ao centro do problema, con novas propostas e mensaxes que peten na conciencia colectiva.

“Na última década, a forza do feminismo fixo que se produciran cambios lexislativos e un proceso de toma de conciencia colectiva que nos fixo avanzar posicións”, recoñeceu Fernández. Porén, ante o rearme do machismo e o avance de posicións retrógradas, a líder do BNG en Ponteareas afondou que “a reivindicación do 8M debe apostar por ferramentas concretas e fuxir de declaracións de intencións, dando cabida ás demandas do movemento feminista”.

O BNG propón unha Valedoría de Igualdade e pide máis esforzos para unha Ponteareas igualitaria