BNG e PSOE abandonan o Pleno de Ponteareas
O Pleno de Ponteareas rematou este martes co abandono de BNG e PSOE en protesta polas "mentiras do goberno tripartito e a deixación de funcións da alcaldesa á hora de presidir o Pleno para alterar o funcionamento democrático da sesión plenaria"
"Non imos tolerar as mentiras descaradas nin os ataques infundados do goberno da dereita coa intención de crispar os plenos e de despregar unha cortina de fume que oculte o desastre da súa acción de goberno", sinalaron BNG e PSOE.
Nacionalistas e socialistas denunciaron as "actitudes antidemocráticas da alcaldesa Nava Castro, que dende onte utiliza un novo sistema tecnolóxico co que impide que as concelleiras e concelleiros poidan activar os micrófonos para defenderse das acusacións do goberno mentres permite ao portavoz do PP verter difamacións e calumnias sobre a labor e compromiso do anterior goberno do BNG e o PSOE en Ponteareas".
As formacións nacionalista e socialista sinalan "estar cansas de soportar as persistentes faltas de respecto e educación por parte do voceiro do PP coa conivencia da Alcaldesa"
"Non imos permitir que o goberno do PP, coa complicidade dos independentes, convertan nun espectáculo bochornoso un órgano que debe velar polos intereses da veciñanza e un foro que debe servir para confrontar, con argumentos e ideas, as propostas de cada forza política para mellorar a vida das veciñas e veciños" conclúen BNG e PSOE.