O Pleno de Ponteareas debaterá a proposta do BNG de dotar de ximnasio o CEIP Santiago de Oliveira
O BNG proporá no pleno ordinario deste martes en Ponteareas instar á Xunta a dotar dun ximnasio ao CEIP Santiago de Oliveira, para que o alumnado poida practicar a cuberto as materias de Educación Física e Psicomotricidade.
“Trátase dunha demanda histórica da comunidade educativa, pero o goberno do PP na Xunta despreza ano tras ano ás familias e mesmo a dirección do centro”, sinalou a concelleira Cristina Fernández. A líder do BNG ponteareán lembrou que os investimentos educativos son competencia da administración galega, e engadiu que “a falta de compromiso do PP na Xunta coas infraestruturas educativas do rural é un problema recorrente que está afectando á calidade educativa do alumnado”
Nesta liña, Fernández considerou necesario que a Xunta asuma as súas competencias, polo que a iniciativa pretende tamén que realicen as obras máis urxentes e necesarias de eficiencia enerxética no edificio principal “como o illamento, cambio de ventás e persianas, rematar o cambio dos falsos teitos ou un novo sistema de calefacción máis sostible, limpo e eficaz”.
O BNG solicita a comparecencia do concelleiro de Residuos
Para o Pleno deste martes, o BNG tamén solicitou a comparecencia do concelleiro de Residuos Sólidos Urbanos, Jesús Cao, para que dea conta das súas xestións en materia de biorresiduos. A solicitude prodúcese despois de que o propio goberno de Nava Castro se gabase do “caso de éxito na xestión de biorresiduos” en Ponteareas, relatando un conxunto de accións que foran executadas polo goberno do BNG.
“Resulta lamentábel e hipócrita que, seguindo a súa estratexia de propaganda permanente, o goberno de Castro e a dereita pretenda atribuírse o éxito dunhas accións nas que non cren, dado que a chegada do PP ao goberno local supuxo un claro retroceso no camiño iniciado para contribuír na loita contra o cambio climático”, afirma o Bloque.
Outras iniciativas do BNG no Pleno
Entre outras iniciativas, o BNG propón tamén a mellora integral da estrada provincial EP-2703 no barrio da Ponte, resolvendo os problemas existentes coas canalizacións das augas e mellorando a mobilidade peonil con itinerarios seguros.
Con motivo do Ano Castelao, o Bloque insta ao goberno local a impulsar unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria, e o seu humanismo e internacionalismo solidario, creando un comité que promova ditos actos coa participación da Corporación Municipal.