O BNG propuxo destinar a axudas e investimentos o millón de euros extra que recibiu Ponteareas

undefined

O Concello recibiu case 1.183.000 euros que lle correspondían no 2022 e o Estado non ingresara

O BNG propuxo destinar a axudas e investimentos o millón de euros extra que recibiu Ponteareas

O BNG deu a coñecer que o Concello de Ponteareas recibiu nas pasadas semanas máis dun millón de euros extraordinario procedente da liquidación na participación dos tributos do Estado do 2022, ano no que o Bloque lideraba o goberno local.

O concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, sinalou que se trata “dunha cantidade de diñeiro que o Estado ingresa agora ao Concello para compensar o máis dun millón de euros que ingresou de menos no 2022 e o goberno daquel momento non puido utilizar. Polo tanto, estamos ante un ingreso que o goberno de Castro recibe por sorpresa e co que non contaba cando configurou o orzamento”.

O BNG aposta por “empregar este ingreso extraordinario para avanzar en cuestións que naquel entón, saíndo da pandemia, quedaron pendentes de executar”. Neste sentido, o Bloque propón destinar partidas para investimentos nas parroquias e nos centros socioculturais, que nalgúns casos están pendentes de rehabilitacións, reformas ou remate de obras”. Entre outras, o Bloque sinala tamén a necesidade de investir nas reformas necesarias nas instalacións deportivas, na renovación dos parques infantís ou no saneamento e abastecemento de auga no rural.

Por outra banda, o BNG propón ao goberno aproveitar os fondos extraordinarios para recuperar axudas e subvencións creadas no anterior mandato e eliminadas pola dereita cando chegou ao goberno. “É momento de recuperar as axudas a asociacións de interese social municipal, para colectivos que traballan no ámbito do benestar social, e as axudas a colectivos veciñais para investimentos en obras comunitarias, como o arranxo de fontes, pozas e lavadoiros”, sinalou Xosé Carlos Vázquez.

“Cun ingreso inesperado de 1.182.620€, o goberno de Castro continúa vivindo de rendas e pretende utilizar este diñeiro para enmascarar o desastre da súa nefasta xestión económica”, afirmou Vázquez, sinalando que “dende o BNG pretendemos que o diñeiro de todas e todos se utilice en beneficio da veciñanza para satisfacer as súas necesidades, non para remendar as chapuzas do goberno irresponsábel da dereita”.

O BNG propuxo destinar a axudas e investimentos o millón de euros extra que recibiu Ponteareas