O BNG denuncia ante Fiscalía as irregularidades da contratación do Corpus de Ponteareas

Grupo Municipal do BNG no Corpus 2024
Grupo Municipal do BNG no Corpus 2024

Solicitan que se practiquen as investigacións e se exerciten accións penais polo escándalo dos contratos para o valado das rúas e os seus tapóns

O Bloque denuncia irregularidades cun xantar sen facturas nunha finca privada

O BNG denuncia ante Fiscalía as irregularidades da contratación do Corpus de Ponteareas

O BNG vén de anunciar a adopción de medidas legais contra o goberno de Ponteareas ante ao escándalo da contratación dos valados para pechar as rúas en Corpus, “que desembocou nunha trama de irregularidades e tramitacións indebidas, como a contratación a dedo dunha empresa para realizar o traballo adxudicado legalmente a outra”.

“Tras esgotar a vía administrativa sen que o Concello dese resposta ás preguntas formuladas polo BNG, decidimos presentar unha denuncia ante a Fiscalía para esclarecer o caso e depurar responsabilidades, practicando as correspondentes investigacións para exercitar, no seu caso, as accións penais oportunas contra as persoas responsables”, sinalou o Bloque.

O grupo líder da oposición lembrou que “o goberno local sacou a concurso público un contrato para o valado das rúas no percorrido das alfombras de Corpus, que incluía a perforación das rúas, a confección de 1.400 valos, a súa instalación, a desmontaxe e o posterior tapado dos buratos, incluíndo a subministración de 1.400 tapas. Adxudicaron o contrato por 80.000 euros á empresa gañadora do concurso, pero paralelamente contrataron a dedo outra empresa para facer parte do mesmo traballo, o que supuxo destinar outros 14.500 euros á colocación das tapas que xa estaban incluídas no anterior contrato e tiña que aportar a empresa inicial”

Finalmente, foi esta empresa contratada a dedo, constituída uns días antes, a que ademais de subministrar as tapas realizou todo o traballo que lle correspondía á empresa adxudicataria. Ademais, “antes de adxudicalo a dedo, o goberno solicitou tres ofertas para a subministración das tapas a tres profesionais a sabendas de que gardaban relación entre si, sumando unha nova irregularidade e convertendo o proceso de contratación nun auténtico paripé para aparentar que o procedemento era correcto”, segundo puido comprobar o BNG nos expedientes aos que tivo acceso.

“O goberno de Nava Castro e Juan Carlos González terá que dar explicacións das súas manobras turbias e das tramitacións indebidas para pagarlle a dúas empresas por un mesmo traballo cando só o realizou unha delas. Xogan cos cartos da veciñanza para satisfacer os seus caprichos e beneficiar aos seus en vez de destinalos a satisfacer as necesidades de Ponteareas”, afirmou o Bloque.

Irregularidades nun xantar de Corpus

Outra das irregularidades que o BNG denuncia está relacionada cun xantar institucional organizado polo goberno nunha finca particular para delegacións convidadas ao Corpus, cargos políticos e familiares. O Bloque solicitou no pasado mes de xuño acceso aos datos desta comida, e o goberno denegou o acceso á información alegando que non se emitira ningunha factura. “Agora, o PP afirmou que foi gratuíto por unha colaboración solidaria ofrecida por veciños particulares, sen que haxa documentación que apoie esta actuación, nin explicación das condicións nas que o Concello realizou convites a unha finca privada nin as garantías legais do xantar”, denuncia a formación nacionalista.

“A administración pública debe actuar conforme aos principios de legalidade, transparencia e bo uso dos recursos públicos. Neste sentido, un evento organizado polo Concello e financiado integramente por particulares debe cumprir con certos requisitos e limitacións que neste caso non se cumpriron”, conclúe o BNG.

 

O BNG denuncia ante Fiscalía as irregularidades da contratación do Corpus de Ponteareas