O BNG logra o acordo do Pleno para esixir un ximnasio no CEIP Santiago de Oliveira

Cristina Fernández considera necesario realizar investimentos no colexio para ofrecer ás familias os servizos que precisan
Cristina Fernández impulsou no pleno de Ponteareas un acordo unánime para instar á Xunta a dotar dun ximnasio ao CEIP Santiago de Oliveira, para que o alumnado poida practicar a cuberto Educación Física e realizar as actividades de psicomotricidade.
A líder do BNG en Ponteareas reivindicou esta “demanda histórica da comunidade educativa, que o goberno do PP na Xunta ignora ano tras ano desprezando ás familias e mesmo á dirección do centro”, sinalou. Cristina Fernández lembrou que os investimentos educativos son competencia da administración galega, e engadiu que “a falta de compromiso do PP na Xunta coas infraestruturas educativas do rural é un problema recorrente que está afectando á calidade educativa do alumnado”.
Nesta liña, Fernández considerou necesario que a Xunta asuma as súas competencias, polo que, tras a aprobación da iniciativa, o Concello de Ponteareas instará tamén a que realicen as obras máis urxentes e necesarias de eficiencia enerxética no edificio principal “como o illamento, cambio de ventás e persianas, rematar o cambio dos falsos teitos ou un novo sistema de calefacción máis sostible, limpo e eficaz”.
“As de Santiago de Oliveira son unhas instalacións dos anos 80, nun colexio rural que mantén unha matrícula de 100 alumnos e alumnas por curso, polo que é necesario asumir estes investimentos para consolidar a matrícula e poder ofertar todos os servizos complementarios que as familias precisan para a súa conciliación”, concluíu.
Unanimidade á proposta do BNG para mellorar a estrada EP-2703
O BNG logrou tamén a unanimidade para reclamar á Deputación de Pontevedra a mellora integral da estrada EP-2703 no barrio da Ponte, para resolver os problemas existentes coas canalizacións das augas, dado que as choivas provocaron inundacións en vivendas e afundimentos da calzada polas deficiencias nas canalizacións de pluviais.
Así mesmo, a iniciativa do Bloque inclúe a solicitude ao ente provincial da mellora da mobilidade peonil nesta estrada que soporta un gran tránsito de vehículos, incluso pesados, sen que haxa itinerarios seguros para que as persoas poidan circular polas marxes.