O BNG propón municipalizar o SAF en Ponteareas ante a situación límite das traballadoras
O Bloque denuncia a inacción do goberno de Nava Castro e apoia a folga indefinida convocada polas traballadoras
O BNG vén de propoñer a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Ponteareas como solución urxente á grave situación laboral que están a sufrir as súas traballadoras.
Segundo explicou a líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, “nos últimos anos, coas distintas empresas concesionarias do servizo, as condicións laborais foron deteriorándose progresivamente ata chegar a actual situación límite”. As traballadoras denuncian irregularidades nas contratacións, falta de cotización por todos os conceptos salariais que lle corresponden, atrasos no cobro e mesmo carencia do material necesario para o desenvolvemento das súas funcións.
Fernández Davila considera que o goberno de Nava Castro está “a mirar para outro lado, desprezando ás traballadoras e a súa situación, sen tomar medidas para garantir un servizo esencial que afecta directamente ao benestar das persoas usuarias. O goberno non pode seguir agochado detrás da empresa concesionaria mentres se degradan as condicións do servizo e se maltrata ás profesionais que o sosteñen”, engade.
“As traballadoras do SAF son as que sosteñen co seu corpo o benestar das nosas persoas maiores e dependentes. É intolerable que se vulneren os seus dereitos e que teñan que soportar estas condicións para seguir prestando un servizo básico”, subliña Cristina Fernández.
Por este motivo, o BNG reclama que o Concello de Ponteareas asuma directamente a xestión do servizo, poñendo fin ao modelo de concesión que, segundo denuncian, “só está beneficiando a unha empresa a costa da precariedade das traballadoras e da calidade asistencial”.
O Bloque insta ao goberno local a iniciar de inmediato os trámites para a municipalización do servizo, co obxectivo de garantir os dereitos laborais do persoal e ofrecer ás persoas usuarias un servizo público de calidade, estable e digno.
Ademais, o BNG quere amosar todo o seu apoio ás traballadoras do SAF e á convocatoria de folga indefinida que comeza este venres, reiterando que “a súa loita é tamén a loita por un servizo público mellor para toda a veciñanza de Ponteareas”.