O BNG denuncia a negativa de Nava Castro a condenar a masacre en Palestina
A FEGAMP promoveu para o pasado venres 19 accións en todos os concellos como símbolo de condena enérxica a situacións como a que se vive en Palestina, expresando solidariedade con todas as vítimas, especialmente coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos en Gaza.
Porén, desde o BNG critican que para Nava Castro e a dereita “parece máis importante a propaganda que a defensa da vida e dos dereitos humanos”. A formación nacionalista considera inaceptable o silencio do executivo local fronte ao xenocidio cometido por Israel contra o pobo palestino.
O Bloque lembra, ademais, que en Ponteareas existe dende hai dous anos un acordo plenario aprobado por unanimidade, que manifesta a solidariedade institucional coa causa palestina e insta á defensa dos dereitos humanos no contexto do conflito. “O goberno de Nava Castro négase visibilizar publicamente ese acordo, a pesar de ter votado a favor no seu momento”, denuncian.
Desde o BNG subliñan que “non estamos ante unha cuestión unicamente política, senón ante unha cuestión de humanidade”. E conclúen cunha mensaxe clara: “A indiferenza ante as inxustizas non é neutralidade: é covardía. Calar ante un xenocidio é ser cómplice.
