O BNG propón unha batería de medidas para mellorar a atención á saúde mental en Ponteareas
O BNG presentou en Ponteareas unha batería de propostas nas que reclama o reforzo urxente do cadro de persoal da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas e a posta en marcha de medidas integrais de prevención do suicidio na localidade.
A líder do Bloque en Ponteareas, Cristina Fernández, alerta que a saúde mental é un dos principais retos de saúde pública na actualidade, cun impacto crecente no rural galego. No caso de Ponteareas, subliña a reiteración de casos de suicidio ao longo dos últimos anos, afectando mesmo a persoas moi novas, “o que evidencia a gravidade da situación e pon de manifesto a necesidade de reforzar os recursos existentes e mellorar a atención e prevención neste ámbito”.
Cristina Fernández denuncia que “a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas, que é a de referencia para máis de 50.000 persoas de toda a comarca, presenta actualmente tempos de espera de arredor dun ano para psicoloxía e sete meses para psiquiatría. Ademais, os recortes de persoal aplicados polo goberno do PP na Xunta provocan cancelacións de consultas e falta de substitución do persoal en períodos de ausencia”.
Neste contexto, o BNG propón unha resposta integral que pasa, en primeiro lugar, por realizar unha avaliación rigorosa das necesidades asistenciais da unidade e da situación da saúde mental na nosa contorna. A partir deste diagnóstico, aposta por desenvolver accións de información e sensibilización sobre os recursos existentes, así como campañas de prevención do suicidio continuadas, adaptadas ao territorio e con especial presenza nos centros educativos.
A proposta tamén reclama o reforzo efectivo do persoal sanitario da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas, garantindo tanto o incremento de profesionais como a cobertura estable das prazas existentes e a substitución das ausencias. Ademais, defende a incorporación de novas categorías profesionais, nomeadamente no ámbito do traballo social, para mellorar a coordinación cos concellos e co tecido asociativo.
Por último, a moción, que se debaterá no Peno municipal, recolle a necesidade de reforzar a coordinación institucional e de apoiar os recursos que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro do terceiro sector de acción social, co fin de construír unha resposta máis ampla, coordinada e eficaz fronte a esta problemática.
O BNG defende que, malia o avance que supuxo a creación da Unidade de Saúde Mental en Ponteareas no 2022, resulta imprescindible reforzar os seus medios para garantir unha atención de calidade e avanzar na prevención do suicidio, unha cuestión que cualifica de “prioridade social e sanitaria” para a localidade e o conxunto da comarca.