O BNG considera arbitraria a nova alteración na taxa do lixo en Ponteareas
Denuncian que o goberno volve alterar a taxa sen motivación nin transparencia
O BNG manifestou o seu desacordo coa forma coa que o goberno de Ponteareas está a modificar a taxa do lixo, “alterando tarifas e tramos sen unha xustificación técnica suficiente, clara e verificable”.
Dita alteración, que o goberno de Nava Castro pretende aprobar en Pleno este martes, consiste na introdución dunha nova diferenciación tarifaria específica para hospitais, clínicas, xeriátricos, residencias, sanatorios e demais centros sanitarios asistenciais, establecendo dous tramos en función de se a superficie do inmoble supera ou non os 200 m², cunha diferenza económica significativa entre ambos casos.
“Non é unha simple actualización tributaria. Está en cuestión a maneira en que o goberno da dereita pretende facer recaer sobre a veciñanza e sobre determinadas actividades económicas unha maior carga fiscal sen explicar con rigor por que se establecen uns tramos e non outros, por que se aplican determinados criterios só a algúns sectores, e cal é a relación real entre esas novas tarifas e a xeración efectiva ou potencial de residuos”, sinala o BNG.
A crítica do Bloque, que alegou contra esta alteración, coincide coa formulada pola formación nacionalista no 2024 nas alegacións á suba lineal do lixo do 85%, imposta sen un estudo da distribución dos custos entre a veciñanza e ignorando elementos obxectivos como o número de residentes, a superficie, o valor catastral ou a xeración efectiva de residuos, incumprindo así o principio de “quen contamina paga”.
O BNG sinala que o propio informe técnico-económico municipal recoñecía que a modificación da taxa respondía á vontade de actualizar o esquema básico de tributación e de implementar a capacidade de consecución de recursos por parte da entidade, propoñendo o mesmo incremento do 85% para todas as tarifas vixentes co obxectivo de acadar unha recadación extraordinaria que permitise cubrir o custo do servizo. “É dicir, primeiro fixaron a necesidade recadatoria e despois pretenderon vestir esa decisión cunha xustificación técnica claramente insuficiente”, reproba o Bloque.
“A dereita reincide agora na mesma maneira de actuar”, censura o BNG. “Volven modificar tarifas e tramos sen unha motivación individualizada e verificable, mantendo unha lóxica discrecional e pouco sustentada, incompatible co rigor que debe esixirse en materia tributaria e coa obriga legal de construír un sistema tarifario xusto, diferenciado e coherente coa xeración de residuos. Non abonda con afirmar que un criterio é obxectivo e razoable, senón que hai que demostrar con datos, estudos e unha metodoloxía comprensible por que se adopta ese criterio e non outro”, sinalan.
A posición do BNG vese ademais reforzada pola recente Sentenza 202/2026, de 20 de marzo, da Sección 9ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que anulou a ordenanza fiscal da taxa de residuos do Concello de Madrid. A sentenza é clara ao considerar que o informe técnico-económico non pode ser excesivamente xenérico nin limitarse a ofrecer o resultado final da metodoloxía empregada, porque iso impide controlar a racionalidade do reparto do custo do servizo e xera indefensión nos contribuíntes. A resolución sinala expresamente que a “omisión da información relativa ao método empregado” e achegar “só o resultado da metodoloxía empregada”, imposibilita fiscalizar a racionalidade da taxa.
“O caso de Madrid amosa ben o risco real deste tipo de decisións. A anulación xudicial dunha ordenanza fiscal abre un escenario de enorme inseguridade xurídica, obriga á Administración a defenderse nos tribunais, pode forzar a refacer toda a regulación e mesmo abre o debate sobre eventuais devolucións das cantidades cobradas se a nulidade chega a ser firme”, advirte o Bloque. “É dicir, unha ordenanza mal motivada non só é inxusta, senón que tamén pode acabar sendo un problema económico, administrativo e xudicial para o propio Concello”, engaden.
O BNG reclama ao goberno de Nava Castro e a dereita que “revise a modificación da taxa do lixo, que motive de verdade o expediente e que calquera alteración das tarifas se faga con transparencia, con criterios coherentes e cunha base técnica real, contrastable e non arbitraria, por respecto á veciñanza, á seguridade xurídica e aos principios mínimos de xustiza tributaria.