O BNG denuncia a negativa do goberno de Castro a reforzar o CIM cando aumentan os delitos sexuais
Ponteareas está entre os concellos da provincia con máis mulleres baixo protección policial
O BNG presentou no Pleno da pasada semana unha batería de propostas para a promoción da igualdade, entre as que destaca a mellora o Centro de Información a Muller (CIM) de Ponteareas mediante a cobertura das prazas de persoal necesarias para garantir un servizo axeitado.
O Bloque afirmou que “manter durante un ano e medio o CIM sen unha figura esencial para o acompañamento e a atención especializada ás vítimas de violencia machista, como é a psicóloga, evidenciou a falta de compromiso real do goberno da dereita con este servizo. Agora, o voto en contra ás propostas do BNG demostra, ademais, a súa nula implicación e empatía ante a alarmante situación que están a vivir moitas mulleres en Ponteareas, segundo os datos oficiais”.
A formación nacionalista refírese aos últimos datos publicados no balance de criminalidade, que recollen un aumento dun 20% dos delitos contra a liberdade sexual en Ponteareas con respecto ao ano anterior. A maiores, Ponteareas sitúase como o segundo concello da provincia con máis mulleres baixo protección policial, con case un centenar de casos activos, só por detrás da cidade de Vigo.
“Estes aumentos poden deberse tanto a unha maior incidencia de delitos sexuais como a unha maior concienciación das vítimas á hora de denunciar. En calquera dos casos require un reforzo dos servizos públicos para garantir unha atención adecuada ás vítimas e impulsar accións preventivas dirixidas ao conxunto da poboación ante o avance dos discursos negacionistas da violencia machista”, sinala o BNG.
O Bloque considera que “ante esta realidade non abonda con declaracións institucionais, senón que cómpre asumir responsabilidades e actuar con decisión desde o ámbito local para construír unha Ponteareas máis igualitaria, con servizos públicos fortes e comprometidos coa defensa efectiva dos dereitos das mulleres”.