O BNG destaca que o PXOM evitou a demolición do Eroski tras a licenza ilegal de Nava Castro

A alcaldesa, culpable da inseguridade xurídica do hipermercado, pretende agora facer propaganda cun problema que ela mesma xerou e que o BNG resolveu

O BNG destaca que o PXOM evitou a demolición do Eroski tras a licenza ilegal de Nava Castro

Ante o anuncio do goberno de Ponteareas de inicio do desenvolvemento urbanístico do sector do Eroski, o BNG destaca que a solución á situación urbanística do hipermercado foi posible grazas á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no 2021, impulsado polo goberno do BNG.

“A orixe da problemática remóntase a 2002, cando o goberno local encabezado por Nava Castro, con Juan Carlos González Carrera como concelleiro, concedeu a licenza para a construción do establecemento. Esta autorización foi anulada pola Xunta de Galiza e, en 2008, a Xustiza declarou ilegal a licenza”, lembra o Bloque.

A situación agravouse en 2012, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordenou a demolición do hipermercado, e en 2019, cando obrigou ao Concello a iniciar os trámites para executar ese derrubo. Foi no ano 2021, co BNG na alcaldía, cando a aprobación definitiva do PXOM permitiu atopar unha saída legal e viable, evitando a demolición, evitando ter que facer fronte a indemnizacións millonarias e establecendo a obriga ao hipermercado de urbanizar a contorna para regularizar a actividade comercial.

Agora, co inicio dos traballos de desenvolvemento urbanístico por parte de Eroski, o BNG considera “un exercicio indecente de cinismo político” que quen xerou este problema durante máis de vinte anos pretenda facer propaganda atribuíndose méritos alleos.

O Bloque sinala tamén ao tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, quen “ademais de ser corresponsable do caos urbanístico que provocou esta situación, tentou boicotear a solución impulsada polo BNG levando o PXOM aos tribunais xunto a intereses particulares”. “Pretendeu frear o Plan para seguir prexudicando o interese xeral e protexer os beneficios duns poucos. A realidade é que a Xustiza desautorizouno, rexeitou os seus recursos e avalou o Plan Urbanístico aprobado polo BNG”, subliñan.

Desde o Bloque insisten en que “fronte á propaganda e ás fotos oportunistas, están os feitos: foi o BNG quen resolveu un problema moi grave herdado da xestión irresponsable da dereita e quen, aprobando o Plan Urbanístico, evitou consecuencias económicas e sociais moi prexudiciais para Ponteareas”

“Como alternativa de goberno, o noso compromiso é seguir traballando con responsabilidade, rigor e seriedade, poñendo sempre por diante os intereses das veciñas e veciños para dar solucións reais aos problemas de Ponteareas”, conclúen.

O BNG destaca que o PXOM evitou a demolición do Eroski tras a licenza ilegal de Nava Castro