Ponteareas contará cunha nova ludoteca grazas á aprobación do Plan Urbanístico
“A nova ludoteca ponteareá será realidade grazas á aprobación do Plan Urbanístico por parte do goberno liderado polo BNG, que abriu un futuro cheo de oportunidades para o desenvolvemento de Ponteareas”. Así se congratulou o Bloque ante o próximo inicio das obras no edificio da Avenida Sarmiento Rivera para prestar este servizo.
A formación nacionalista lembra que o edificio que albergará a nova ludoteca foi rehabilitado xunto á creación dun novo parque público de case 3.000 metros cadrados, con zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano, iluminación e zonas de paseo, ademais dun grande estanque con fontes. As obras de creación deste novo espazo non tiveron custe para o Concello de Ponteareas, xa que se trataba dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Urbanístico para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais.
O BNG puxo en valor o seu traballo á fronte do goberno sinalando que “este é un dos moitos espazos dos que poderá gozar a veciñanza grazas á aprobación a finais de 2021 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que supuxo un impulso determinante para o desenvolvemento territorial, cultural, social e económico de Ponteareas.
“Grazas á xestión responsábel e eficaz do BNG no goberno conseguimos un novo urbanismo ordenado, sostíbel e con seguridade xurídica, que atrae interese de grandes proxectos e permite novos equipamentos, como a nova escola infantil que vai comezar a construírse, ou esta nova ludoteca infantil. Ademais, agora Ponteareas conta con terreos para novas infraestruturas deportivas ou sociosanitarias ou para espazos públicos como parques ou aparcadoiros”, enxalza o Bloque.
O Bloque considera probadas as mentiras de Castro para solicitar o préstamo
O BNG sinala tamén que “o tempo deunos a razón e demostrou as mentiras do goberno de Nava Castro”, en referencia ao préstamo de 150.000 euros a devolver até 2032 solicitado polo goberno. “Xustificaron a necesidade do préstamo en que a obra tiña que estar concluída antes de que rematara 2024 para xustificar unha achega nominal de 100.000 euros por parte da Deputación, pero iniciou 2025 e a obra aínda está por iniciar. A realidade é que mentres soben impostos para destinar o diñeiro a caprichos da alcaldesa, a propaganda ou a beneficiar empresas amigas, teñen que acudir a préstamos para poder executar estes pequenos investimentos”, afirman.
Por último, o BNG volveu lamentar que o goberno de Nava Castro renunciara dende a súa chegada á alcaldía á mellora da Avenida Sarmiento Rivera, unhas obras que xa estaban licitadas e ía acometer e financiar a Deputación de Pontevedra para mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta avenida, dotándoa de beirarrúas adecuadas para configurar itinerarios accesibles e seguros, e implantando medidas de calmado efectivo do tráfico. “Non se pode entender a irresponsabilidade do goberno de Castro e a dereita, que renuncian a dotar de seguridade unha zona con tanto tránsito peonil e que acollerá servizos para as crianzas”, conclúe o Bloque.