O BNG pide ao goberno que actúe ante o derrubamento dunha estrada en Guláns
O BNG rexistrou no Concello de Ponteareas unha iniciativa, que defenderá no vindeiro Pleno, para instar ao goberno local ao arranxo dunha vía de titularidade municipal na parroquia de Guláns, no barrio do Provizo, que sufriu un desprendemento de terras no mes de decembro do pasado ano.
A concelleira do BNG, Verónica Bargiela, sinalou que “tras o desprendemento dunha das súas beiras, esta estrada, que une o barrio do Provizo coa Muxena, presenta un estado perigoso para a veciñanza que transita por ela”.
Por iso, o Bloque, que mantivo un encontro in situ con veciñanza da zona, preguntará no Pleno municipal polas previsións do goberno local para arranxar estes estragos que se produciron xa o pasado ano e pola estimación de prazos. “Agardamos que o goberno actúe coa maior celeridade para dar solución a este problema e evitar que continúe o desprendemento e se agrave por inacción municipal co paso do tempo”, concluíu Bargiela.