Nava Castro comprometeuse a completar o saneamento en dous anos. Quédanlle 4 meses

undefined
O Bloque critica a inclusión dun expediente de 3.215 páxinas sobre o Ciclo Integral da Auga nun pleno extraordinario e urxente sen previo aviso
Nava Castro comprometeuse a completar o saneamento en dous anos. Quédanlle 4 meses

O BNG lembrou este mércores que ao goberno de Nava Castro quédanlle menos de catro meses para cumprir a súa promesa do saneamento para todas as parroquias de Ponteareas. Fíxoo a través do seu portavoz, Miguel Bouzó, no debate plenario extraordinario da tramitación da concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración, denominado Ciclo Integral da Auga.

“Nava Castro prometeu que en dous anos as parroquias de Ponteareas xa terían saneamento. Pasou máis de ano e medio e non foron capaces de executar nin un só metro. Quédanlle menos de catro meses e malamente están aprobando un estudo de viabilidade económico-financeiro para concesionar o Ciclo Integral da Auga e comezar algunhas obras durante os vindeiros anos”, sinalou Bouzó.

Conta atrás saneamento (2)

O concelleiro do BNG puxo en valor que foi precisamente o goberno do Bloque quen logrou a ampliación da depuradora, coas obras xa na fase final tras un investimento millonario. “O actual goberno podía estar realizando obras de saneamento no rural, porque deixamos proxectos elaborados, pero Castro e a dereita prefiren destinar o diñeiro de todas e todos a caprichos e propaganda”, lamentou o nacionalista.

“A dereita só fai anuncios propagandísticos e promesas para enganar á veciñanza, como levan facendo anos en Ribadetea, mentres atrasaron o inicio das obras. A realidade é que no orzamento do concello para 2025 non destinan nin un só euro a saneamento, e mesmo votaron en contra da proposta do Bloque para incluílo”, afirma.

O BNG criticou tamén a insistencia das “actitudes antidemocráticas do goberno de Castro” coa sesión extraordinaria e urxente do Pleno. Foi convocado na tarde do martes para a mañá do mércores, “sen aviso previo da intención de tratar o Ciclo Integral da Auga, para impedir que os grupos da Corporación puidesen examinar un expediente dunhas 3.215 páxinas”.

Bouzó afeou tamén as contradicións de Juan Carlos González Carrera (ACIP), "que sempre se amosou contrario ao contrato do Ciclo Integral da Auga e agora pon en marcha a súa tramitación”.

O portavoz do Bloque lembrou que “o Ciclo Integral da Auga xa foi aprobado polo goberno do BNG no 2023, co voto en contra de ACIP, e permitía investir na mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento e abastecemento no rural. A dereita  chegou ao goberno, deixaron todo nun caixón, e agora volven traer o mesmo asunto ao pleno para volver aprobalo con proxectos que xa tiña en marcha o BNG. Nótase que os cartos non son seus”, ironizou Bouzó.

Nava Castro comprometeuse a completar o saneamento en dous anos. Quédanlle 4 meses