O PP SOLICITOU Á DEPUTACIÓN QUE NON REALIZASEN AS OBRAS NA AVENIDA SARMIENTO RIVERA
Nava Castro actúa como a Terminator de Ponteareas para destruír todos os avances logrados
O BNG vén de sacar á luz que o goberno do PP en Ponteareas renunciou á mellora da Avenida Sarmiento Rivera, unhas obras que ía acometer e financiar a Deputación de Pontevedra tras asinar un convenio co goberno local o pasado mes de febreiro.
“O goberno do PP solicitou á Deputación resolver o convenio de colaboración asinado, e deixar sen efecto o procedemento de licitación das obras, xusto o día seguinte da finalización de presentación de ofertas, na que concorreron 8 empresas que estaban dispostas a facer a obra”, informa o BNG.
O Bloque explica que con esa obra, cun importe superior a 630.000€, mellorarían as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta avenida, dotándoa de beirarrúas adecuadas para configurar itinerarios accesibles e seguros, e implantando medidas de calmado efectivo do tráfico. Ademais, tendo en conta que a estrada é de titularidade provincial, tras a obra pasaría a ser de titularidade municipal, o que permitiría a instalación dunha superficie comercial que xeraría máis de 100 postos de traballo.
Para o BNG resulta sorprendente que “a pesar de renunciar á obra e ao financiamento externo logrado, o goberno local do PP está disposto a asumir igualmente a titularidade da estrada descoñecendo como está o subsolo, sen ter en conta o estado no que se atopan as antigas tubaxes que teñen producido afundimentos por fugas de auga na contorna desta rúa” A formación nacionalista considera que é “unha irresponsabilidade descomunal que demostra o desprezo da alcaldesa á nosa veciñanza e o nulo interese en construír unha Ponteareas de futuro”.
“Nava Castro actúa como a Terminator de Ponteareas. Vai de desfeita en desfeita, obsesionada con volver ao pasado destruíndo os avances logrados polo goberno anterior en vez de beneficiar aos veciños e veciñas. Aproveitase do traballo que xa non pode modificar e renuncia irresponsablemente a investimentos millonarios que supuxeron anos de xestións e gastos do diñeiro de todas e todos”, denuncia o BNG.