O BNG urxe a Nava Castro frear a “demolición inxustificada” da escola infantil
O Bloque critica as présas do goberno e esíxelle diálogo e transparencia
Nos pasados días produciuse o “traslado exprés” da escola infantil municipal de Ponteareas dende o Parque da Feira Vella ao Parque Ferro-Ucha, onde iniciou a actividade este luns. Porén, a sorpresa para a veciñanza, segundo indica o BNG, produciuse cando o antigo edificio apareceu ese mesmo día xa valado para proceder á súa demolición pola vía dos feitos consumados.
O Bloque xa rexistrara unha batería de preguntas o pasado 14 de abril co obxectivo de coñecer os usos previstos para esta edificación, os motivos que xustifican a decisión do goberno de demolela ou os criterios técnicos, urbanísticos e de calquera outra índole que avalen o derrubo dun inmoble do patrimonio municipal. A formación esixiu tamén ao goberno tripartito “a apertura dun proceso de diálogo para definir os seus posibles usos e evitar a súa demolición”.
“O antigo edificio pode e debe seguir tendo unha utilidade social para Ponteareas”, insisten desde o BNG, apostando en primeiro lugar por analizar a necesidade de máis prazas públicas na localidade e por estudar alternativas que dean resposta ás necesidades da veciñanza. “Non ten sentido destruír un espazo que pode ser aproveitado con visión e responsabilidade”.
“Trátase dun edificio no que, co BNG na alcaldía, se realizaron obras de rehabilitación enerxética, cun investimento superior aos 100.000 euros, financiadas nun 80% con fondos europeos, seguindo a estratexia urbana Ponteareas Hábitat Saudable”, lembra o Bloque.
Ademais, a formación sinala que “tras a decisión do goberno de Nava Castro e a dereita de converter o que ía ser un centro cívico nunha residencia puntual para artistas, Ponteareas carece de espazos nos que prestar determinados servizos municipais ou nos que os colectivos sociais poidan desenvolver as súas actividades, polo que non sería aceptable a demolición dun dos poucos edificios municipais cos que conta a localidade”.
Desde o BNG conclúen que Ponteareas está ante unha oportunidade para avanzar con proxectos que melloren a calidade de vida da súa veciñanza, e reivindican o seu proxecto como “a alternativa de goberno capaz de garantir unha xestión eficaz, responsable e centrada nas persoas, fronte a quen xa demostrou a súa incapacidade para dar resposta ás necesidades reais da vila”.