Ana Pontón destaca a capacidade do goberno de Ponteareas para mellorar a vida da veciñanza e xerar actividade económica

cristina fernandez e ana ponton
A Alcaldesa, Cristina Fernández, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na Casa do Concello de Ponteareas.
 
Ana Pontón destaca a capacidade do goberno de Ponteareas para mellorar a vida da veciñanza e xerar actividade económica

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou o “cambio transformador” a favor da veciñanza que o BNG logrou en Ponteareas a través do goberno local, antes con recordado Xosé Represas, e agora co equipo liderado pola alcaldesa Cristina Fernández. Empezando por sanear unhas contas municipais herdadas do PP que deixaran ao concello en bancarrota.

Pon en valor o traballo de peonalización, de apostas polos servizos públicos e sociais, con 2 M€ en residencias ou escolas infantís pese a ser competencia da Xunta

“Agora o goberno local entrou noutra etapa con propostas e actuacións que melloran a vida das persoas e desde políticas que forman parte dos sinais de identidade dos gobernos municipais do BNG, apostando pola recuperación dos espazos públicos e poñelos a disposición da cidadanía como cos procesos de peonalización, -algo tan importante como que os nenos e as nenas poidan xogar nas rúas con tranquilidade-, mellorando a calidade de vida na vila e nas parroquias; con impulso económico, co fomento do benestar social e apostando por unha Ponteareas viva e dinámica no social e no cultural”, explicou Pontón tras o encontro co equipo de goberno na súa visita institucional a Ponteareas. undefined

En relación ao impulso económico e á creación de emprego no concello, a líder nacionalista destacou o revulsivo que supuxo a aprobación do PXOM, “que permite activar o urbanismo e dar seguridade ás iniciativas empresariais e de emprendedores. Ábrese unha nova etapa de impulso e reactivación da economía local, de oportunidades para a creación de emprego e de novos equipamentos e servizos públicos para a veciñanza, incluíndo a posta en valor e regularización do parque empresarial para atraer máis actividade económica”, explicou.

Pontón tamén puxo en valor o traballo municipal en materia de benestar social, “en moitos casos facendo o que non fai a Xunta”, por exemplo destinando 2 M€ a competencias que son do Goberno galego en cuestións como residencias ou escolas infantís, “pero aquí temos un concello liderado polo BNG que fai bandeira dos servizos públicos con medidas que facilitan a conciliación ou dando axudas ós colectivos máis vulnerables para a adquisición de libros e material escolar das familias”.

A líder do Bloque felicitou á alcaldesa e a todo o equipo que conforma o Executivo local polo seu traballo “entusiasta”, un labor moi importante para que Ponteareas sexa un lugar “no que vivir, no que traballar, onde os nenos e as nenas ocupen a rúa, un concello con futuro, unha vila en cor fronte ao branco e negro de tempos pasados”.

O BNG levará ao Congreso a mellora da N-120 ante o abandono desta infraestrutura por parte do Ministerio de Fomento

Pontón foi moi crítica co “abandono” e os incumprimentos do Goberno central en relación á mellora das comunicación por estrada, en particular no que se refire á N-120, “pero o concello ten unha alcaldesa que vai seguir esixindo e loitando pola mellora desa infraestrutura para que haxa os investimentos necesarios e terá todo o apoio do BNG no Congreso para logralo. Cambian os gobernos en Madrid, dun signo e doutro, pero os problemas son os mesmos, e imos formular iniciativas reclamando que se mellore a N-120”. undefined

En relación ao proceso de peonalización que desenvolve o Goberno local, a portavoz do Bloque destacou que ese tipo de medidas “melloran a vida das persoas e tamén a actividade do comercio local, porque cando as rúas se enchen de xente porque podes pasear por elas libres de coches entras no comercio e hai máis vida. Non é unha suposición, é unha realidade que se ten dado en todos e cada un dos concellos nos que se levaron a cabo é nun concello como Pontevedra, ben próximo a Ponteareas, teñen máis demanda para peonalizar rúas das que poden atender porque á veciñanza sabe as vantaxes que supón e unha vez que se peonaliza, a xente non quere volver atrás”, explicou.

“Os cambios non deben dar medo, ao contrario, o que debe dar medo é non cambiar nada e por iso o goberno de Ponteareas sigue adiante co seu programa de transformación a favor da veciñanza”, concluíu.

Ana Pontón destaca a capacidade do goberno de Ponteareas para mellorar a vida da veciñanza e xerar actividade económica