O BNG destapa unha trama de irregularidades nos contratos do PP e Nava Castro
Castro repite en Ponteareas as irregularidades na contratación que realizaba en Turismo de Galicia e polas que foi advertida polo Consello de Contas
Nas pasadas semanas, o Consello de Contas deu a coñecer un informe no que advertía que a Axencia de Turismo de Galicia, dirixida nos últimos dez anos por Nava Castro, recorría baixo a súa dirección ao fraccionamento de contratos para adxudicalos a dedo en lugar de convocar concursos públicos aos que poida optar calquera empresa.
Agora, o BNG vén de destapar unha nova trama do PP e Nava Castro en Ponteareas. “Unha das empresas de confianza de Castro, coa que realizaba contratacións en Turismo e que traballou para o Partido Popular, acumula ducias de miles de euros adxudicados a dedo polo Concello nos últimos meses. Deste xeito, o PP e Nava Castro replican as prácticas irregulares polas que foi advertida polo Consello de Contas”, sinala a formación nacionalista.
“En canto Nava Castro accedeu a alcaldía de Ponteareas, cancelou o contrato da empresa de comunicación que prestaba o servizo tras gañar un concurso público e contratou a dedo a esta empresa amiga, saltándose o procedemento de contratación. Posteriormente, continuou contratando á mesma empresa para outros servizos diversos, encadeando contratos menores e acumulando irregularidades nos procesos de contratación”, afirma o BNG. Ademais, unha vez rematado o contrato de comunicación asignado a dedo até o 31 de decembro, a empresa continúa encargándose da comunicación institucional do concello, sen que o PP de Nava Castro saque a concurso público o servizo.
O Bloque informa que esta mesma empresa acumulou facturas adxudicadas a dedo por importe superior ao medio millón de euros nos dous últimos anos de Castro á fronte da Axencia de Turismo de Galicia.
“Nava Castro está facendo do Concello o seu chiringuito particular. Primeiro coloca aos seus familiares e agora utiliza o diñeiro de todas e todos para favorecer ás súas empresas amigas como facía dende a Xunta”, denuncia o BNG, que avanzou que dará novos pasos tras facer públicos estes feitos.