O PP apura o pelotazo do novo centro de saúde mentres Ponteareas segue sen persoal médico
O PP está nervioso ante a posibilidade de cambio na Xunta
O BNG reaccionou este martes á sinatura do convenio entre o Concello de Ponteareas e a Xunta de Galiza para a construción do novo centro de saúde.
“O PP segue burlándose das e dos ponteareáns. Utilizan o novo centro de saúde como propaganda electoral e como distracción para ocultar a súa política de desmantelamento da sanidade pública. O que precisa Ponteareas urxentemente son médicas e médicos, pero o PP prefire seguir mantendo en condicións precarias o centro de saúde actual mentres apura para beneficiar coa localización dos novos terreos a unha concelleira do seu partido que figura na candidatura ás eleccións galegas”, sinalou o BNG.
O Bloque lembra que “o novo centro de saúde construirase nun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana, despois de que o Concello comprara uns terreos situados na contorna dunha clínica privada coa que ela garda relación directa. Poñen este trato de favor por diante das análises realizadas polo propio equipo técnico da Xunta que valorou como máis idónea unha parcela na N-120 que saía gratuíta ao Concello. A desvergoña do PP non ten límites”, sentencia o BNG.
A formación nacionalista achacou as présas do PP aos “nervios ante a posibilidade real de cambio no goberno da Xunta a partir do 18 de febreiro”. “Queren deixar todo ben atado porque saben que o próximo goberno galego depende dun puñado de votos e que se a sociedade galega que quere cambio concentra o seu voto no BNG, Ana Pontón será presidenta e rematará coas corruptelas e os pelotazos do Partido Popular”, afirma o BNG.