O BNG compromete un novo pavillón deportivo para Ponteareas se goberna a Xunta

undefined
Un goberno de Ana Pontón impulsará a colaboración cos concellos para mellorar as infraestruturas deportivas existentes
O BNG compromete un novo pavillón deportivo para Ponteareas se goberna a Xunta

O BNG continúa presentando as súas propostas electorais de cara ao vindeiro 18 de febreiro. En Ponteareas, a candidata Cristina Fernández Davila comprometeu o impulso do BNG á construción dun novo pavillón deportivo, que responda ás necesidades de clubs e deportistas locais.

Ponteareas viviu nos últimos anos un aumento da actividade deportiva, que provoca que as instalacións actuais sexan insuficientes. Grazas a aprobación do Plan Urbanístico por parte do anterior goberno local do BNG, agora é posible que Ponteareas teña unha nova infraestrutura moderna e funcional que ofreza mellores condicións e maior dispoñibilidade horaria para continuar a expansión do deporte local.

Así mesmo, se Ana Pontón acada a presidencia da Xunta, o BNG aposta por impulsar dende o goberno galego a colaboración cos concellos para por en marcha accións nas infraestruturas deportivas existentes. “Isto permitirá acometer a renovación do Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas, ampliándoo para contar con novas salas de actividades e maior espazo nas gradas para as competicións deportivas, ou renovar os campos de fútbol de San Mateo e Santiago de Oliveira, xa con proxectos do anterior goberno local”, lembra o Bloque.

Potenciar o deporte en idade escolar nos centros de ensino, impulsar a igualdade na actividade deportiva, ou realizar unha planificación de eventos deportivos en Galiza coordinando as distintas administracións son algunhas das propostas que o BNG porá en marcha se acada a confianza da veciñanza para que Ana Pontón sexa a próxima presidenta.

O BNG compromete un novo pavillón deportivo para Ponteareas se goberna a Xunta