O BNG denuncia o golpe do goberno local ao comercio coas subas desorbitadas de impostos

Nalgúns casos o aumento da taxa do lixo supera os 300 euros

O BNG denuncia o golpe do goberno local ao comercio coas subas desorbitadas de impostos

O BNG continúa facendo públicos os datos relativos á suba de impostos de Ponteareas, que o goberno local vén de aprobar provisionalmente  e que a formación nacionalista considera desorbitada.

“A suba do 85% na taxa do lixo imposta polo goberno de Nava Castro e a dereita suporá nalgúns casos aumentos que superan os 300 euros, que sumado ao aumento do 25% do IBI convértese nun golpe que porá contra as cordas a moitos pequenos comerciantes da vila”, denuncia o BNG. É o caso dos restaurantes de menos de 200m2, pizzarías, bocatarías, hamburguesarías, bares e cafetarías con comida, que pasan de 364 a 674 euros de taxa. Contía similar será a que teñan que asumir as froitarías, panadarías, carnizarías, cafeterías, ferraxerías ou establecementos de alimentación en xeral, que soportarán unha suba de 265 euros ao pasar dunha taxa de 312 a 578 euros.”

No caso dos bares que non ofrecen comida, a suba supera os 100 euros, pasando dunha taxa de 125 euros aos máis de 231. Os pequenos comercios e establecementos de menos de 90m2 terán que asumir unha suba de case 90 euros, pasando de 104 a 193 euros. Naqueles que superan os 90m2 de superficie, a suba será de máis de 130 euros, pasando de 156 a 289 euros.

O Bloque considera esta suba de impostos un “auténtico sablazo” por parte do goberno local co pretexto de mellorar os servizos municipais. “No BNG defendemos que os impostos son necesarios para financiar os servizos públicos, pero non para saquear ao cidadán e logo destinar ese diñeiro a caprichos, a propaganda ou a beneficiar a empresas amigas. Se precisan máis recursos, que comecen por eliminar gastos innecesarios”, sinalan.

Malia que o goberno se escudou na lei estatal que obriga aos concellos a aprobar unha taxa de residuos que cubra os custos da recollida e tratamento, o Bloque explicou que “se o PP na Xunta de Galiza non decidise unilateralmente incrementar aos concellos o canon que teñen que pagar a SOGAMA polo tratamento dos residuos, non sería preciso cargar á veciñanza con este aumento”. Ademais, o BNG lamentou a falta “dun estudo rigoroso por parte do goberno local para garantir unha proporcionalidade axeitada para comercio, hostalaría e establecementos”.
O BNG denuncia o golpe do goberno local ao comercio coas subas desorbitadas de impostos