O BNG censura a propaganda da dereita cun Orzamento aprobado a porta pechada
O Orzamento consolida a suba de impostos e a privatización de servizos
O BNG lamenta a “utilización propagandística e manipulada” que fai o goberno tripartito de Nava Castro da aprobación do Orzamento municipal para 2026. O Bloque considera “insólito e impropio” que as dúas aprobacións do orzamento, a provisional e a definitiva, se producisen de xeito anómalo e sen parte da Corporación.
“Na aprobación provisional, a alcaldesa impediu votar á oposición e suspendeu o Pleno tras votar o goberno, evitando un debate público normalizado. Na aprobación definitiva, a alcaldesa someteu o orzamento a votación a porta pechada, recluíndose na Alcaldía e excluíndo os demais grupos políticos”, lembra o Bloque.
Para o BNG, estes feitos “confirman que a Nava Castro e á dereita non lles interesa nin o diálogo nin o consenso. Preferiron agocharse antes que permitir un debate aberto e honesto. Esa é a súa maneira de gobernar, con prepotencia, soberbia e absoluto desprezo por quen non pensa coma eles”.
Así mesmo, o Bloque denuncia que, unha vez máis, o tripartito converte o orzamento nun instrumento de propaganda, en vez dunha ferramenta para responder ás necesidades reais da veciñanza. “Outro ano máis, un orzamento ao servizo de Nava Castro e non ao servizo das veciñas e veciños de Ponteareas”, subliña o BNG.
Neste sentido, o Bloque censura que o Orzamento “consolida a suba de taxas e impostos aprobada pola dereita, que supón un incremento do 25% do IBI, do 77% do imposto sobre obras e do 85% na taxa do lixo. Este auténtico sablazo ás veciñas e veciños explica que o orzamento poida ser máis elevado que outros anos, pero non responde ás necesidades sociais nin mellora os servizos públicos”, sinala o BNG.
A formación nacionalista denuncia tamén a eliminación de postos de traballo do cadro de persoal municipal, ao tempo que se destinan máis fondos á contratación de empresas privadas, como no caso dos servizos de rozas de maleza ou a poda de arbores. Para o BNG, esta decisión revela “a incapacidade do tripartito para organizar os servizos municipais e o seu empeño en ocultala mediante privatizacións”.
Finalmente, o BNG, como alternativa de goberno, reafirma o seu compromiso cunha Ponteareas “máis xusta, participativa e centrada nas persoas. Fronte ás portas pechadas e á propaganda, o Bloque aposta pola transparencia, polos servizos públicos e polo diálogo real coa veciñanza. Ese é o camiño que imos seguir construíndo”, conclúen.