Ponteareas esixe á Xunta reforzar o profesorado especialista do CEIP Ramiro Sabell
O Pleno aproba por unanimidade unha proposta conxunta para atender o alumnado con necesidades educativas
Os partidos do goberno, PP e ACIP, votan en contra de reforzar o profesorado noutros centros do municipio
O Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade unha proposta consensuada polas forzas políticas da oposición , BNG, PSOE e PEC, para instar á Xunta de Galiza a aumentar o profesorado especialista no CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, co obxectivo de garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades específicas.
Cristina Fernández Davila, que defendeu a iniciativa no Pleno, advertiu da situación “cada vez máis preocupante” no centro, que, con máis de 300 alumnos e alumnas matriculadas, verá reducido o seu cadro de persoal docente neste curso, pasando de 32 a 30 docentes malia manter o mesmo número de unidades e incrementar o número de escolares con necesidades especiais.
“Durante o pasado curso, 34 alumnos e alumnas requirían atención especializada por trastornos na linguaxe”, explicou Fernández Davila. Porén, só se dispuña dunha especialista en Audición e Linguaxe cunha dedicación de 23 horas semanais, o que fixo imposible atender a todo o alumnado como recomendaban os informes médicos e de orientación. Como consecuencia, unha decena de nenos e nenas quedaron sen recibir a atención individualizada necesaria.
Por outra banda, o BNG lamentou que o voto en contra do PP e ACIP impedise aprobar outra iniciativa coa que solicitar á Xunta o reforzo de profesorado especialista nos demais centros educativos.
Segundo sinalou Cristina Fernández, “a situación do CEIP Ramiro Sabell non é un caso illado, senón que representa unha problemática máis ampla. Hai máis colexios de Ponteareas que padecen a falta de profesorado para atender ao alumnado con necesidades específicas, pero o goberno de Nava Castro e a dereita decide mirar cara outro lado”.
Desde o BNG cualificaron a negativa do goberno local como unha “oportunidade perdida” e unha “falla de responsabilidade absoluta” por parte de quen debería estar loitando polos recursos necesarios para as escolas públicas do municipio. “En lugar de poñerse do lado das familias e do alumnado máis vulnerable, a alcaldesa e os seus concelleiros escolleron poñerse ao servizo do seu partido. Iso é indefendible e lamentable”, sentenciou Fernández Davila.