O BNG advirte graves irregularidades e informes negativos na obra da nova oficina de Turismo
A obra foi licitada sen autorización da Confederación Hidrográfica e cos informes negativos de Secretaría e de Intervención
Ante o anuncio do goberno de Ponteareas da adxudicación de obras para a creación dunha nova oficina de turismo e portal de Corpus, o BNG vén de facer públicas unha serie de irregularidades advertidas polo persoal municipal nos seus informes técnicos.
Segundo explica o Bloque, trátase dunha obra financiada con fondos europeos pola Deputación de Pontevedra, logrados polo anterior goberno, e que “Nava Castro e a dereita non foron capaces de executar en dous anos e medio”. Agora, xa no período de prórroga, o goberno da dereita aprobou unha tramitación de urxencia, cunha motivación que o informe de Secretaría Municipal “non contempla suficientemente fundamentada”.
Dito informe tamén aprecia un “risco certo de incumprimento das condicións de financiamento”, e sinala que “resulta impracticable a xustificación da subvención perante a Deputación de Pontevedra”, xa que a obra ten que estar realizada e xustificada o 20 de maio, ten un prazo de execución de 5 meses e aínda non está nin comezada. Ademais, sinala que, aínda reducindo o prazo a tres meses como propón a empresa adxudicataria, “non se pode acreditar de forma fidedigna que exista viabilidade para cumprir o prazo de execución previsto no proxecto e as obrigas temporais asumidas polo Concello”.
Outra das irregularidades que recollen os informes, tal como advirte a coordinadora de urbanismo municipal, é a falta autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que provocou tamén o reparo suspensivo da Intervención Municipal.
O cúmulo de irregularidades cometidas polo goberno de Castro provocou informes desfavorables tanto para o expediente de contratación como para o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares. Ademais a propia Secretaría Municipal advertiu que “poden existir máis irregularidades que as xa constatadas”, dada a esixencia do goberno local de realizar o informe de xeito inmediato “sen suficiente tempo para a súa emisión coas debidas garantías”, dándolle acceso “a un borrador do prego en formato word”.
O BNG esixe ao goberno de Nava Castro que actúe con rigor, transparencia e respecto escrupuloso á legalidade. “Non se pode xogar cos fondos públicos nin someter ao persoal municipal a presións e tramitacións forzadas e precipitadas que poñen en serio risco ao propio Concello. As veciñas e veciños merecen un goberno responsable e á altura, que planifique, cumpra a lei e non converta a xestión municipal nunha sucesión de improvisacións, chapuzas e irregularidades”, conclúe o Bloque.