O BNG DEFENDE OS INTERESES DA VECIÑANZA FRONTE Á FACTURACIÓN IRREGULAR DA ELÉCTRICA

O BNG denuncia as irregularidades e o acoso da empresa eléctrica e lamenta as mentiras oportunistas do PP

NEA BNG Cristina Fernández 1
O BNG defende os intereses da veciñanza fronte á facturación irregular da eléctrica.
O BNG denuncia as irregularidades e o acoso da empresa eléctrica e lamenta as mentiras oportunistas do PP

Tras o restablecemento da subministración eléctrica o pasado venres en instalacións municipais nas que fora interrompido o servizo por parte da compañía eléctrica, dende o BNG manifestamos as seguintes consideracións:

1. A compañía CHC Energía non emitiu as facturas do consumo eléctrico ao Concello de Ponteareas durante sete meses. Dado que cada mes deben emitir 200 facturas dos distintos cadros eléctricos e instalacións, esta irregularidade da empresa eléctrica supuxo acumular en torno a 1.400 facturas que non enviaron ao Concello nese período de sete meses. Posteriormente emitíronas en avalancha, algunhas delas sen datos para poder contabilizalas e mesmo outras duplicadas, coa intención de cobrar a mesma factura dúas veces.

2. O Concello informou á compañía desta incidencia e iniciou o procedemento para axilizar o trámite de todas as facturas, ordenando o pago das que corresponde unha vez contabilizadas e devolvendo aquelas que son incorrectas. Isto foi posible grazas ao traballo do persoal municipal que coa súa entrega axudou a clarificar a situación.

3. A empresa reclama que se lle abonen as facturas que foron devoltas por estar incorrectas, e o Concello acláralle que non abonará facturas que non se axusten á legalidade. Mesmo así, a empresa extorsiona para que se lle abonen as facturas que non figuran na contabilidade municipal por seren incorrectas ou por estaren xa pagadas. Ademais, aproveita para reclamar o pago de facturas que aínda non presentou, correspondentes aos meses de abril e maio.

4. A pesar de que o Concello continúa avanzando segundo a previsión de pagos das facturas correctas (na pasada semana realizouse un pago que estaba previsto por importe de 100.000€), a compañía decide interromper a subministración eléctrica en diversos espazos municipais. Este corte eléctrico afectou a instalacións como o Centro de Servizos Sociais, a Biblioteca e Museo Municipal ou algún campo de fútbol. Ao detectar este corte, o Concello ponse en contacto coa empresa e esta indica que terá que ser o Concello quen lle solucione o problema, sen que en ningún momento a compañía se preocupe por corrixir os erros cometidos. 

5. Ante esta actuación irregular da compañía eléctrica, o Concello iniciou os trámites para adoptar medidas legais fronte as extorsións da empresa, e defender os intereses das veciñas e veciños, xa que o corte de luz causou trastornos á veciñanza por afectar a servizos municipais que empregan a diario  centos de usuarios e usuarias.

6. Tras as constantes xestións realizadas polo goberno local dende a alcaldía, coa implicación dos servizos municipais, o pasado venres o servizo xa foi restablecido e as instalacións afectadas pola decisión da empresa xa funcionan con normalidade.

7. O BNG apostará sempre pola xestión rigorosa dos recursos públicos, defendendo á cidadanía para que ningunha empresa se enriqueza ilicitamente a costa do diñeiro de todas e todos. Lamentamos que dende o Partido Popular decidisen apostar unha vez máis polo oportunismo político, lanzando mensaxes calumniosas dende o máis absoluto descoñecemento, coa intención de alarmar e confundir á cidadanía en vez de informarse da situación e pórse do lado das veciñas e veciños fronte aos abusos das eléctricas. 

O BNG denuncia as irregularidades e o acoso da empresa eléctrica e lamenta as mentiras oportunistas do PP