Ponteareas terá nova escola infantil grazas á xestión do BNG e á aprobación do PXOM
O Bloque lembra que o PP paralizou esta infraestrutura durante anos
Coincidindo coa visita da conselleira de Política Social da Xunta ás obras da nova escola infantil de Ponteareas, o BNG lamentou o intento do PP de atribuírse logros por unha infraestrutura que estiveron máis dunha década bloqueando desde os seus propios gobernos. O Bloque afirmou que a nova escola infantil será por fin unha realidade grazas á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) polo goberno local do BNG.
“O PP leva desde 2010 mentindo con esta infraestrutura, facendo propaganda e prometendo o que sabían que non ían cumprir. Naquel momento, Xunta e Concello, gobernados polo PP, asinaron un convenio no que se comprometían a rematar a escola infantil en 2013. Pero non fixeron nada. Foron incapaces de aprobar o Plan Urbanístico e condenaron Ponteareas á parálise. Agora, grazas ao Plan aprobado polo BNG no 2021, Ponteareas contará cunha nova escola infantil”, destacan.
Desde o Bloque lembran que o Plan Urbanístico, “ademais de abrir un futuro cheo de oportunidades para Ponteareas coa creación de novos equipamentos, tamén puxo fin a prexuízos económicos para a veciñanza”. En concreto, explican que, a raíz dun convenio de cesión asinado polo PP cos propietarios da parcela do parque Ferro Ucha para construír alí a nova escola, Ponteareas estaba obrigada a pagar 2.000 euros ao mes mentres non se aprobase o Plan.
Ademais, o BNG denuncia a “hipocrisía do PP” coa nova escola infantil. “Hoxe veñen facerse a foto como se non tiveran ningunha responsabilidade no seu atraso, cando o único que fixeron foi bloquear e enganar á veciñanza”, critican.
“A conselleira de Política Social, que hoxe viu sumarse á propaganda de Nava Castro, afirmou hai dous anos, co BNG na alcaldía, que a Xunta non financiaría a nova escola porque non había demanda suficiente. Meses despois, cun goberno local do PP, destinan fondos europeos á súa construción para crear 100 novas prazas. O problema nunca foi a demanda, o problema foi e segue sendo o sectarismo do PP e o seu uso partidista dos recursos públicos”, conclúe o BNG.