O BLOQUE SINALA ÁS PERSOAS ALFOMBRISTAS COMO AS ARTÍFICES DESTA DECLARACIÓN GRAZAS AO SEU TRABALLO
O BNG congratúlase pola declaración de Ben de Interese Cultural do Corpus e lamenta o uso partidista do PP
O BNG amosou hoxe a súa satisfacción pola publicación no DOG da resolución que inicia o proceso para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial o Corpus de Ponteareas, solicitada polo goberno do Bloque no 2017, que suporá “un novo recoñecemento e unha nova ferramenta para a difusión e a posta en valor da maior obra de arte colectiva do noso pobo.”
A formación nacionalista felicitou e agradeceu ao colectivo alfombrista, xa que “a súa entrega, a súa ilusión e a súa xenerosidade para preservar a nosa tradición foron claves para lograr este recoñecemento. Elas e eles, coa súa habilidade, co seu mimo e co seu traballo colectivo, logran cada ano facer realidade as nosas alfombras florais, convertendo as ideas nas que traballan durante todo o ano na arte efémera que nos identifica en todo o mundo”, apunta o BNG.
Así mesmo, o BNG lamentou o uso partidista que fai o PP das institucións e da festa do Corpus, xa que a Xunta agardou á chegada dos populares ao goberno local para incoar o procedemento da declaración. “A Directora Xeral manifestaralle ao goberno saínte que o expediente estaba completo, e malia que foi preciso actualizar a información e documentación por culpa do atraso da Xunta na súa tramitación, non deron nin un só paso ata que se produciu o cambio de goberno”, manifestou o Bloque, que considera unha falta de respecto á veciñanza e ao colectivo alfombrista estas actuacións e a demora na declaración.
O BNG lembrou que o trámite para a declaración, que a propia Xunta establece en dous anos, levaba prolongándose durante seis. No 1995 o PP intentara iniciar o procedemento, pero caducou e o expediente fora arquivado por defectos formais. No ano 2017 o goberno presidido por Xosé Represas entregou en man a solicitude de declaración de BIC, e en febreiro de 2018 remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus.
En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición, e repetiuno en abril de 2022. En xullo o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaban de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.