O BNG sinala que o acordo de suspensión da folga do SAF evidencia o incumprimento do contrato
O Bloque ve nerviosismo nos “bulos do PP” que pretenden desviar a atención
O BNG amosou a súa satisfacción ante o acordo asinado entre as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e a empresa concesionaria, que permite a suspensión temporal da folga. En todo caso, a formación matiza que se trata dunha “satisfacción vixiante”, xa que o acordo asinado concede o prazo dun mes para que a empresa cumpra coas obrigas establecidas.
“Non se trata de ningunha mellora nin da resolución do conflito. O que ocorre é que a empresa se compromete a pórse ao día e a cumprir as obrigas recollidas no contrato e que xa debían estar implantadas”, sinala o Bloque, lembrando ademais que “os pregos establecen que o incumprimento do contrato é motivo suficiente para a súa rescisión”.
Tras o intento do Partido Popular de presumir de diálogo ante a suspensión da folga, o BNG aclara que o acordo non foi grazas ao goberno local, senón grazas á presión das traballadoras que permaneceron en folga durante máis de 65 días fronte á inacción e ás provocacións de Nava Castro e a dereita. Así, o Bloque lembra que “ante a soberbia, o despotismo e o descoñecemento de Nava Castro e Francisco Jesús, que se aliaron coa empresa, as traballadoras apartaron ao goberno local da mediación e solicitaron unha intervención profesional do Consello Galego de Relacións Laborais”.
O BNG traslada novamente todo o seu apoio, admiración e profundo recoñecemento ás traballadoras do SAF. “A súa loita converteuse nun exemplo de dignidade, valentía e compromiso coa defensa dos seus dereitos e coa calidade dun servizo de coidados que permite a moitas persoas vivir dignamente. Cada día de folga foi unha demostración de forza colectiva fronte ás inxustizas, unha mostra de que non están dispostas a ser invisibilizadas nin ignoradas”, salientou o Bloque.
Fronte os “bulos do PP”, que tenta responsabilizar ao BNG da situación, a formación nacionalista lembra que “esta empresa concesionaria comezou a prestar o servizo en abril de 2025, sendo responsabilidade única do tripartito -PP, ACIP e IP- a súa contratación.”
En calquera caso, o Bloque considera que estes ataques evidencian que “o PP está cada día máis nervioso, lanzando novos bulos para tentar desviar a atención da súa nefasta xestión municipal e frear unha contestación social que vai en aumento, que fai que cada vez máis veciñas e veciños vexan no BNG a alternativa política que Ponteareas necesita para mellorar a vida das persoas”.