O BNG celebra a aprobación do proxecto da N120 e parabeniza á veciñanza e á Plataforma

O Bloque vixiará que se avance con celeridade para executar as obras

O BNG celebra a aprobación do proxecto da N120 e parabeniza á veciñanza e á Plataforma

O BNG celebrou hoxe a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da aprobación definitiva do proxecto para a mellora da estrada N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso, un avance que pon fin a anos de espera e que chega grazas á presión constante da veciñanza e do movemento social organizado.

A líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández, destacou que esta publicación é o resultado da presión exercida polas veciñas e veciños das tres parroquias, que xunto coa veciñanza levan anos mobilizándose para reclamar actuacións urxentes nunha das vías máis perigosas da comarca.

“Esta é unha vitoria da mobilización social, da veciñanza que non se resigna e esixe unha estrada segura e digna. O BNG estivo e estará sempre ao lado desta loita xusta, por iso estaremos vixiantes e reclamaremos, a través dos nosos representantes en Madrid, que se avance coa maior celeridade”, afirmou Fernández Davila.

Así, o Bloque salientou que esta publicación no BOE non é o punto final, senón o inicio dun novo paso para garantir que as obras se liciten e executen con rigor, cumprindo prazos e garantindo o financiamento necesario. “Agora cómpre que o Ministerio cumpra os seus compromisos con celeridade e que se dean todos os pasos necesarios para acadar unha infraestrutura segura e digna para Ponteareas e para o conxunto da comarca”, concluíu Cristina Fernández.

O BNG celebra a aprobación do proxecto da N120 e parabeniza á veciñanza e á Plataforma