O BNG alerta de problemas co padrón municipal tras mudar o goberno o programa informático
O BNG vén de alertar dos problemas que está causando na veciñanza de Ponteareas a decisión do goberno local de mudar o programa de xestión do padrón municipal de habitantes sen a previsión nin a planificación necesaria.
A líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández Davila, sinala que “dende hai semanas, varias persoas manifestan ter dificultades para obter certificados de empadroamento e outros documentos vinculados ao padrón, imprescindibles para a realización de trámites tan sensibles como a solicitude de axudas sociais ou procesos administrativos diversos”. Fernández apunta que “a nova aplicación empregada polo Concello, segundo se lle traslada na oficina ás propias veciñas e veciños, non emite certos certificados que si estaban dispoñibles co anterior sistema, deixando sen unha resposta axeitada e eficaz ás persoas usuarias que precisan acreditar o seu empadroamento con urxencia”.
Trátase, segundo valora o Bloque, “dunha situación especialmente preocupante dado que afecta a dereitos básicos da cidadanía e ten un impacto directo en persoas e familias en situación de vulnerabilidade”. Ademais, consideran que “resulta incomprensible que se procedese a un cambio desta envergadura sen garantir a continuidade plena dos servizos que o sistema anterior ofrecía, nin unha transición planificada que evitase interrupcións no servizo e sobrecarga nos traballadores e traballadoras municipais, que teñen que dar a cara ante a veciñanza polo caos que provocan as decisións políticas do goberno de Nava Castro e a dereita”, denuncia Cristina Fernández.
O BNG anunciou que pedirá explicacións ao goberno sobre os cambios neste servizo. “Esiximos ao goberno municipal que dea unha solución inmediata a esta problemática, que recupere a plena funcionalidade do servizo de padrón de habitantes e que poña en marcha medidas para garantir que unha decisión caprichosa non prexudique, unha vez máis, á veciñanza”, concluíu Fernández Davila.