O BLOQUE RECLAMA GARANTÍAS NOS PROCESOS DE CONTRATACIÓN PÚBLICA

O BNG cuestiona que Ponteareas realice o exame de condutor palista cun camión de bombeiros

Xosé Carlos Vázquez (1)
O BNG cuestiona que Ponteareas realice o exame de condutor palista cun camión de bombeiros

O BNG cuestionou publicamente a decisión do goberno tripartito de Ponteareas de empregar un vehículo do servizo de emerxencias para a realización da proba práctica correspondente á praza de condutor palista.

“O feito de utilizar un camión de bombeiros, en lugar dun vehículo propio do tipo que manexará o condutor palista ou tractorista, pode provocar desigualdade entre aspirantes e mesmo comprometer a xustiza do proceso selectivo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez.

Ademais, o Bloque alerta que se podería estar a vulnerar o principio de igualdade, mérito e capacidade que debe rexer en calquera concurso público. “O uso dun vehículo de emerxencias, con características e finalidade claramente distintas, distorsiona os criterios de avaliación e introduce un elemento de arbitrariedade que pode prexudicar ás persoas aspirantes”, sinalou o concelleiro.

Xosé Carlos Vázquez informou que a proba valorou aspectos como a destreza, a soltura na condución e o cumprimento das normas de circulación, “cando o lóxico sería avaliar o manexo de maquinaria específica utilizada habitualmente nas tarefas do posto”, sinalou o concelleiro do BNG.

Así mesmo, Vázquez considera que “non se pode improvisar cando se trata de contratacións públicas, e moito menos cando están en xogo postos de traballo estables que deben adxudicarse con todas as garantías legais, técnicas e éticas”.

O BNG pedirá explicacións ao goberno de Nava Castro sobre a decisión tomada e esixe que se adopten medidas para garantir a transparencia e a adecuación técnica dos procesos selectivos. “Non podemos permitir que se cree un precedente que pon en dúbida a seriedade dos procesos de selección no noso concello”, concluíu o concelleiro do Bloque.

SABÍAS QUE (1080 x 1350 px)

O BNG cuestiona que Ponteareas realice o exame de condutor palista cun camión de bombeiros