O BNG denuncia o estado de abandono da Senda do Tea e os espazos naturais de Ponteareas
Critican o desleixo da dereita e urxen medidas para frear o deterioro dos espazos naturais
O BNG vén de denunciar en Ponteareas o estado de abandono que sofren os espazos naturais do municipio, en especial a Senda do Tea. “Nunhas xornadas marcadas polo bo tempo, foron moitas as persoas que se achegaron a gozar da tranquilidade da natureza en Ponteareas, atopando un panorama preocupante que demostra o desleixo do goberno de Nava Castro e a dereita no seu mantemento”, sinala o Bloque.

Desde o BNG lembran que os actuais responsables do goberno local, cando estaban na oposición, realizaban constantes campañas criticando incluso a mínima presenza de maleza na contorna natural. "Agora que teñen a responsabilidade de gobernar, non só non melloraron o estado destes espazos, senón que o deterioro e o abandono é aínda maior", denuncian.
O BNG reitera a súa aposta por unha Ponteareas verde e sustentábel, onde a veciñanza poida gozar dunha contorna natural ben coidada, accesíbel e respectuosa coa biodiversidade. “O goberno local debe asumir a súa responsabilidade e actuar con equilibrio, garantindo a limpeza e conservación destes espazos sen destruír hábitats naturais nin aumentar o impacto ambiental”, sinala a formación nacionalista.

Por este motivo, o BNG reclama ao goberno local que actúe con responsabilidade e que impulse un plan de mantemento e recuperación dos espazos naturais do municipio, contando con asesoramento técnico necesario para minimizar o impacto ambiental. “Ponteareas merece un futuro sostible e verde, no que as xeracións actuais e futuras poidan seguir gozando da nosa contorna natural con orgullo e respecto”, conclúen.