O BNG alerta da mordaza que quere impor o goberno de Castro para evitar a participación

Grupo Municipal BNG (2)
Grupo Municipal do BNG

Trátase dun ataque antidemocrático á cidadanía que representamos

O BNG alerta da mordaza que quere impor o goberno de Castro para evitar a participación

O BNG vén de alertar da intención do goberno de Ponteareas de modificar unilateralmente o regulamento orgánico municipal para limitar a participación dos grupos políticos nos plenos municipais, o que o grupo líder da oposición cualificou de “mordaza” aos representantes de veciñanza.

O goberno de Nava Castro e a dereita pretenden establecer unha limitación para reducir ao mínimo o número de iniciativas presentadas pola oposición para o seu debate no Pleno, limitando tamén a posibilidade de presentar rogos e preguntas. Ademais, pretenden reducir o tempo de intervención dos concelleiros e concelleiras para coartar o debate político e evitar a participación democrática, así como reducir os prazos na convocatoria dos plenos para dificultar á oposición o estudo e análise de toda a documentación que figure nos expedientes das distintas propostas.

O Bloque lembra que o ROM en vigor foi aprobado na súa etapa de goberno cun amplo consenso e sen votos en contra, integrando as propostas feitas polo Partido Popular nun proceso de negociación. “Agora é o propio PP o que fai saltar polos aires todos os acordos adoptados e impor de xeito autoritario un regulamento para amordazar á veciñanza e limitar as voces críticas e construtivas”, censuran.

“Pretenden amordazar o Pleno nunha nova decisión antidemocrática e sen previa consulta aos grupos políticos. Non se trata dun ataque aos grupos políticos que conformamos a oposición, senón dun ataque á cidadanía que representamos, ao dereito da veciñanza a que se debatan as alternativas políticas á acción do goberno local e que se trasladen as súas necesidades e inquedanzas”, denuncia o Bloque.

O BNG alerta da mordaza que quere impor o goberno de Castro para evitar a participación