PARA PODER REALIZAR A CUBERTO AS MATERIAS DE EDUCACIÓN FÍSICA E PSICOMOTRICIDADE
O BNG insta á Xunta a construír un ximnasio no CEIP Santiago de Oliveira
Cristina Fernández Davila exixiu á Xunta asumir as súas competencias e realizar as obras máis urxentes e necesarias de eficiencia enerxética no edificio principal
A deputada Cristina Fernández Davila denunciou no Parlamento a situación das instalacións no CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas. “Un centro que data dos anos 80 e carece das instalacións necesarias para realizar actividades físicas e deportivas ou psicomotricidade para o alumnado máis cativo” explicou. Cristina Fernández denunciou que estes nenos e nenas “vense abocados a realizar estas materias ao aire libre”, independemente da climatoloxía, “habendo días que é imposible realizar estas actividades”.
A deputada do BNG rexistrou unha iniciativa parlamentaria instando á Xunta de Galiza a construír á maior brevidade posible as instalacións para contar cun ximnasio no CEIP de Santiago de Oliveira para poder realizar a cuberto as materias de Educación Física e Psicomotricidade para todo o alumnado. Poder contar con estas instalacións “é unha demanda de hai moitos anos, tanto por parte da dirección do centro como dos pais e nais”.
“Hai numerosas reformas”, que non de mantemento, especificou Fernández Davila e polo tanto, responsabilidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que son precisas acometer de xeito inmediato e outras que deben axustarse a unha planificación a medio prazo “a fin de poder conseguir incluso fondos europeos que permitan asumir todo o investimento necesario”. O BNG pedirá á Consellería de Educación asumir as súas competencias, e realizar as obras máis urxentes e necesarias de eficiencia enerxética no edificio principal “como é o illamento, cambio de ventás e persianas, rematar o cambio dos falsos teitos ou un novo sistema de calefacción máis sostible, limpo e eficaz” subliñou.
Cristina Fernández evidenciou ademais que, desde a Comunidade Educativa, evidentemente e desde a dirección do centro, piden distintas reunións para saber en que condición está este proxecto e cando se vai a lanzar, mais até este momento non hai unha resposta clara por parte da dirección territorial para contestarlle ou para, polo menos, ter esa reunión e poder informalos.