O BNG congratúlase do éxito na xestión de residuos que implantou en Ponteareas
Consideran hipócrita que o PP venda como propio o modelo no que non cre
O BNG pon en valor o seu traballo á fronte do anterior goberno para situar Ponteareas como un concello exemplar na loita contra a emerxencia climática e na xestión de residuos. O Bloque congratúlase deste traballo despois de que o propio goberno de Castro e a dereita recoñecese o “caso de éxito na xestión de biorresiduos” en Ponteareas, nun comunicado que xa eliminou da web municipal.
O Bloque lembra que foi na súa etapa á fronte do goberno local cando Ponteareas se situou “como un concello pioneiro nesta materia, coa posta en marcha dun proxecto piloto de recollida selectiva. Para isto, instaláronse no centro urbano colectores marróns con sistemas de control de acceso electrónico para a recollida selectiva de biorresiduos, restos de alimentos e vexetais, reducindo os residuos que se incineran e converténdoos en abono de calidade”.
Así mesmo, engaden que se realizaron campañas informativas para concienciar á veciñanza da necesidade da separación dos residuos e que se distribuíron caldeiros para uso doméstico e bolsas de compostaxe. O BNG lembra que tamén se instalaron durante a súa etapa de goberno os composteiros comunitarios en varios espazos do centro urbano, incorporando ao concello persoal especializado na materia e iniciando á vez as primeiras accións de compostaxe nas parroquias.
“Todo este traballo foi feito en base a planificación e os estudos técnicos, recibindo ademais o aval doutras administracións”, sinala a formación nacionalista, en referencia ao financiamento con fondos europeos que obtivo o seu proxecto, impulsado dende a área de Medio Ambiente que dirixía Rosa Covelo naquel entón.
“Fronte ao modelo que impulsou o BNG, centrado na defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, o actual goberno do PP e a dereita ponteareá xa teñen deixado claro que apostan polo modelo obsoleto e antiecolóxico de Sogama, que incide na incineración de residuos”. Por iso, en opinión do Bloque, “resulta lamentábel e hipócrita que, seguindo a súa estratexia de propaganda permanente, o goberno de Castro pretenda vender como propio o éxito dunhas accións nas que non cre malia que foron pioneiras no noso país grazas á aposta decidida dun goberno do BNG”.
Nesta liña, o Bloque censura a parálise do goberno local en materia de xestión de residuos, sinalando que “a chegada do PP ao goberno ponteareán supuxo un claro retroceso no camiño iniciado para contribuír na loita contra o cambio climático”. Así, lembran que “o nulo interese da dereita pola xestión de biorresiduos e a ausencia de aliñamento con estes obxectivos estratéxicos provocou a saída do Concello de Ponteareas dun organismo prestixioso en materia medioambiental como é o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular”.
O BNG sinala que, como alternativa de goberno, aposta por “un cambio de rumbo na política de residuos, cun modelo de xestión baseado na compostaxe da materia orgánica para converter Ponteareas nun concello verde e sustentábel”.