Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso

Plano-Casa-Cultural-de-Couso-500x320
 
Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso

O Concello de Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso, un edificio de importancia para o barrio de Guláns que actualmente está en moi mal estado, xa que é moi antigo, do ano 1950, para que a veciñanza poida volver gozar del. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, destaca que con esta intervención “volveremos dar vida a un espazo histórico para Couso” cunha recuperación que, “ademais de arranxar os seus problemas estruturais, tamén mellora en gran medida a eficiencia enerxética co fin de reducir o consumo e a súa pegada de carbono”. 

 

O edil de Cultura, Fernando Groba, tamén quere destacar “a importancia que ten esta intervención para a cultura de Ponteareas en xeral, e para a de Couso en particular”, xa que, cando se remate a recuperación do edificio as entidades culturais terán un novo lugar, “accesible, cómodo e moderno, onde poder facer e gozar da cultura”. 

 

O Concello destinará máis de 150.000 euros á recuperación da Casa Cultural, dos cales 78.529 euros serán fondos propios e 73.302 euros dunha subvención do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER. 

 

A recuperación porá fin ao mal estado do edificio no que os elementos estruturais de forxados e cuberta presentan un mal estado de conservación, o que provoca que na actualidade estea apuntalado para que non se derrube. A intervención corrixirá todos os problemas estruturais e tamén dotará ao espazo dunha nova cuberta, dunha nova escaleira interior entre a planta baixa e o primeiro andar, de dous aseos, un accesible a adaptado para persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se colocan novas instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e calefacción. 

 

A Casa Cultural de Couso é un edificio con historia que presenta os elementos característicos da arquitectura rexionalista do suroeste galego, como o encintado decorativo da fábrica de pedra en relevo rematado con pintura en cor branca. Na intervención preservarase o seu valor patrimonial para que os veciños e veciñas poidan gozar da súa Casa Cultural “como fixeron os nosos avós e avoas”, conclúe o concelleiro.

Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso