COMPROMETEUSE A DAR VOZ ÁS NECESIDADES DE PONTEAREAS E DA COMARCA
Cristina Fernández toma posesión como deputada do BNG no Parlamento Galego
A concelleira do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, tomou posesión este luns como deputada no Parlamento Galego, no inicio da nova lexislatura tras as eleccións galegas.
A deputada ponteareá asumiu “con ilusión a gran responsabilidade que supón este nomeamento” comprometéndose “a traballar para devolver a confianza que case 5.000 veciñas e veciños de Ponteareas depositaron no BNG”. Ademais, comprometeuse a dar voz no Parlamento Galego ás necesidades da veciñanza da localidade e do conxunto da comarca. “Estarei a disposición de todas as persoas e colectivos e serei a voz das súas demandas ante o goberno da Xunta”, sinalou Cristina Fernández, que continúa formando parte da corporación municipal de Ponteareas como concelleira do BNG.
Fernández sinalou que “agora o BNG conta con máis forza e máis apoio, e o traballo dos 25 deputados e deputadas do Bloque vai servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, o medio ambiente, unhas infraestruturas dignas ou para darlle futuro á mocidade”.
A líder do BNG, Ana Pontón, anunciou unha oposición construtiva e en positivo, “co obxectivo claro de mellorar a vida dos galegos e das galegas poñendo sobre a mesa alternativas de futuro que solucionen os problemas que afectan no día a día á xente deste País, enfrontando as grandes transformacións que precisa Galiza. Actuaremos como alternativa de goberno para este País. Non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema, explicaremos aos galegos e ás galegas que faría un Goberno do BNG para dar solucións” concluíu.
_ _
Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas do Condado FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a primeira tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo. Entre 2021 e 2023 foi alcaldesa de Ponteareas, incorporándose en xuño do 2023 ao Parlamento Galego.